Davila advirte a Tejerina que "condenou ao cerco a non pescar" e pídelle flexibilidade e máis cotas

DSC_0666A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que exixe a Tejerina flexibilidade para otorgar máis cotas de xurelo ou de anchoa á frota do cerco galega que até finais de ano non ten que pescar.

Davila reclama á Ministra de Agricultura que teñan en conta a “dramática situación na que quedou o sector de cerco de Galiza, que a estas alturas non ten nada que pescar”.

O Ministerio acaba de vetar a pesquería de xurelo na zona situada ao sur de Fisterra, “o que supón outro golpe máis para a frota de cerco, condenada a non pescar en ningures debido aos constantes vetos procedentes do Goberno español e da UE”. Lembra a deputada do BNG que a “irrisoria cota coa que contaban está rematada. Tanto o cupo asignado para todo o ano como o anticipo do 10% correspondente ao topo estabelecido para o 2016. Tampouco poden pescar anchoa”.

“A situación na que fican é verdadeiramente preocupante. Non teñen case nada que pescar, tan só 6.000 quilos de sardiña por barco á semana, unha cantidade claramente insuficiente que non permite o mantemento da actividade pesqueira”, enfatiza a parlamentar nacionalista.

“Sen modo de vida”

E o peche da pesquería de xurelo no sur de Fisterra “aínda os pón máis contra as cordas despois dun verán pouco activo e un ano 2016 que se anuncia inquedante”. Davila salienta na súa iniciativa parlamentar o importante peso que ten a frota de cerco na pesca galega, da que viven unhas 1.200 familias.

Máis agora, lamenta, “ábrese ante eles un grande burato negro, un futuro sen posibilidades de pesca”. Olaia Fernández Davila critica que “se lles cercene o seu único modo de vida” e que o Goberno “os deixe nun calexón sen saída, conducíndoos directamente ao desguace”. A deputada do BNG considera que o cerco “foi a frota máis castigada por parte do Goberno e da UE nos últimos tempos. Non se lles deu tregua, e cando tiñan un pouco de cota dunha especie se lles quitaba da outra”.

Davila advirte a Tejerina que ao sector non lle queda máis remedio que reiniciar un proceso de movilizacións e manifestacións en demanda de traballo pesqueiro. “O cerco tivo que estar en permanente loita para conseguer irrisorias e insuficientes cotas de pesca, sorteando os caladoiros que ían pechando e tratando de non sucumbir no seu empeño por seguer a exercer a pesca”.

Razón pola que dirixe á Ministra de Agricultura unha batería de preguntas: “Como cre que poden vivir o mariñeiros de cerco sen actividade até final de ano? Existe algún plan no Ministerio para condenalos ao desguace? Non é posíbel certa flexibilidade por parte do Ministerio para otorgarlles cota de xurelo ou e anchoa? Vai a sentarse a dialogar co sector?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG