parlamento galego

Dani Castro empraza á Xunta a deixar os “aloumiños” a Alcoa actuando “dunha vez” para asegurar os postos de traballo

Dani Castro
Dani Castro

“Non pode mandar máis unha empresa americana asentada en San Cibrao cas administracións que gobernan sobre ese territorio”, advirte o deputado do BNG

Censura que o Goberno do PP teña regado de millóns de euros a unha empresa privada estadounidense “para que logo marche cando queira e como queira”

O deputado do BNG Daniel Castro acusou ao Goberno do PP de terse convertido “na mellor escudeira” de Alcoa e censurou que teña “regado de millóns” á multinacional estadounidense “para que logo marche cando queira e como queira”. Emprazou así á Xunta a deixar os “aloumiños” á empresa e a actuar “dunha vez” para asegurar o mantemento dos postos de traballo na planta de San Cibrao.

Daniel Castro preguntou no Pleno á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, polos plans do Goberno galego diante do anuncio feito por Alcoa o pasado 4 de decembro, cando comunicou aos seus traballadores e traballadoras a decisión de aprazar “temporalmente” a aprobación definitiva do proxecto de forno de cocción de ánodos. “A crónica dunha morte anunciada”, asegurou o deputado, que demostra que o BNG tiña razón cando reclamaba, como agora, unha posición máis firme ante a multinacional e cando, como agora, propuña a intervención pública como “única solución para evitar a perda de postos de traballo”.

O anuncio de Alcoa, destacou, supón un novo incumprimento dos acordos asinados “mentres a Xunta mira para outro lado”. “Agora resulta que  multinacional que ten un oligopolio sobre o sector do alumnio mundial non ten fondos casualmente para facer a principal inversión que están obrigados a facer e que lle teñen que obrigar a facer”, apuntou.

Dani Castro preguntou á conselleira se vai haber un rearranque das cubas o día 1 de xaneiro e advertiu que “non pode mandar máis unha empresa americana asentada en San Cibrao cas administracións que gobernan sobre este territorio”. É por iso que reclamou que as administracións, tanto a galega como a estatal, deixen de exercer como un “verdadeiro choio” para empresas como Alcoa, que “reciben diñeiro sen obriga algunha, marchan cando queren, deixan a xente no paro e os custes ambientais xa son problema doutro”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG