A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno como é posible que o patrimonio cultural galego acabe sendo subastado polo ministerio de Facenda “sen que a Xunta faga ou diga nada” en alusión á subasta do xacemento de Pena Grande de Vilalba iniciada por Facenda en dúas ocasións e paralizadas grazas á mobilización política e social en Galiza.
Trala resposta do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo que anunciou a paralización da terceira subasta do xacemento prevista para mañá, 15 de decembro na cidade de Lugo e afirmou que vender “patrimonio galego non é ilegal”, a nacionalista remarcou que grazas á mobilización política e social en Galiza foron paralizadas as anteriores subastas, no mes de setembro e maio.
Vostedes, sabían que se ía vender e a pesar diso, afirmou, “non fixeron nada”. A parlamentaria mostrou a súa “indignación” pola inacción do goberno para parar a venda e deixar que o patrimonio cultural galego remate en mans privadas porque repetiu parafraseando a afirmación do titular do Secretaria xeral de cultura, “non é ilegal a súa venda”
Rodil preguntou que vai ser o seguinte que se venda, o Castro de Viladonga?.
“É indignante que recoñezan que o sabían porque foron informados dende Mariña Patrimonio e non fixeran nada máis que incluír na descrición do lote a existencia de dous xacementos arqueolóxicos”. Non é normal que se poida vender este ben patrimonial a un particular, criticou Rodil.
A nacionalista explicou que Pena Grande é o xacemento arredor do que se deseñou, en boa parte, o Museo de Prehistoria de Vilalba, dirixido pola persoa que escavou este xacemento. Nel atopouse a principal xoia do Museo, un colgante datado de hai máis de 10 mil anos que está considerado a peza máis antiga recuperada no país. Parécelles normal que o principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior poida ser subastado para acabar sabe Deus en que mans e con que finalidade?.
Despois do acontecido con Pena Grande, preguntou Rodil, vai mudar algo na Dirección Xeral de Patrimonio para que restos arqueolóxicos ou calquera outro ben do patrimonio cultural de Galiza que poida ser obxecto de subasta sexa transferido ao Goberno galego?, cuestión que non foi respondida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.