parlamento galego

O control da expansión do virus, o plan de vacinación e as axudas económicas, prioridades do BNG no próximo pleno parlamentario

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil avanza iniciativas para reforzar a Sanidade e compensar aos sectores afectados nun pleno no que comparece Feixóo a petición do Bloque

A viceportavoz reitera que se os datos non melloran nos próximos días é necesario un confinamento porque o importante agora “é salvar vidas”

O BNG avanza que o control da expansión do virus, o plan de vacinación do Goberno galego e as medidas para compensar os sectores máis afectados pola pandemia serán as súas prioridades no primeiro pleno parlamentario do ano, no que o presidente da Xunta comparecerá para dar conta da preocupante evolución do virus no país, a petición da propia formación nacionalista.

A posición do Bloque é clara, tal e como subliñou a súa viceportavoz, Olalla Rodil: “O primeiro é que precisamos medidas contundentes para frear a expansión do virus, como vén reclamando a comunidade científica”. Neste sentido, reiterou que se nos próximos días os datos de contaxios, hospitalizacións e falecementos non melloran, “desde o BNG cremos que é necesario un confinamento, como mínimo, de dúas semanas” que evite a saturación dos hospitais pero tamén que garanta o éxito da campaña de vacinación. “Non é unha medida fácil, pero é unha medida necesaria; o importante agora é salvar vidas”, recalcou.  

Iso si, Rodil considerou imprescindible acompañar as medidas de control do virus con axudas para apoiar os sectores económicos máis prexudicados pola pandemia e polas restricións que se están adoptando. “Non podemos abandonar a sectores estratéxicos da nosa economía ao tempo que lles pedimos un esforzo tan importante como o que están facendo”, advertiu, para a continuación anunciar que o BNG interpelará ao Goberno de Feixóo sobre as axudas á hostalería, un dos sectores que está a sufrir con máis dureza o impacto dos efectos da COVID. “Non pode ser maior o esforzo que se lle esixe a un sector que xera máis de 66.000 empregos que o apoio que reciben”, concluíu.

De igual xeito, a viceportavoz nacionalista tamén cualificou de obrigado o reforzo dos servizos públicos, especialmente da Sanidade, para facer fronte ao virus, pero tamén para garantir a atención das demais enfermidades xa que, segundo recordou, “a xente segue enfermando de cancro, de problemas de corazón ou doutro tipo de doenzas”. Así pois, o Bloque tamén presentará no próximo pleno unha proposición non de lei para dotar de máis persoal e de máis medios tanto a Atención Primaria como a hospitalaria e garantir deste xeito a atención sanitaria de todas as patoloxías coa máxima calidade. “Non pode ser que a loita contra o coronavirus descoide a atención sanitaria doutras enfermidades”, alertou.

Nesta mesma liña, a formación nacionalista tamén interpelará á conselleira de Política Social sobre a necesidade dun novo modelo de coidados que poña non centro ás persoas e que garanta o dereito a unha vellez digna nas residencias de maiores e nos fogares. “No BNG temos claro que desta crise non podemos saír pola mesma porta que entramos e a atención ás persoas maiores, dependentes e con discapacidade debe mudar e hai que comezar a deseñar un novo modelo xa”, concluíu.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG