Carme Da Silva defende que "a nova Lei de Urbanismo reflicta a realidade galega"

A deputada  nacionalista presentou o documento elaborado polo BNG sobre as “Bases para unha nova Lei do Urbanismo en Galiza” no que  reclama definir “con nitidez” as competencias da Xunta e Concellos nesta materia

No transcurso da rolda de prensa, a nacionalista avogou por “partir de cero” e elaborar unha Lei de Urbanismo “adaptada á realidade galega” así como a asunción, por parte da Xunta de Galiza e os concellos, de competencias nesta materia.

Da Silva considerou que a nova Lei non pode obviar o existente e propuxo tentar canalizado ao fin de reordenalo porque de non facelo así, dixo, “cada vez terá peor aspecto e a súa solución será máis difícil”.

A deputada  que defendeu as bases para unha nova Lei alternativa á presentada polo Goberno galego, destacou entres os seus principios: recoller a realidade galega e adaptarse a ela, respectar o  patrimonio edificado e distinguir de maneira nítida as competencias que deben asumir a Xunta e os concellos.

As administracións deben asumir responsabilidades

Da Silva aclarou que algúns concellos cometeron erros na planificación e execución urbanísticas sen embargo, dixo, “as maiores agresións” foron executadas pola Xunta de Galiza e o Goberno do Estado, “recheos dos portos e o encoro de Caldas”, son claros exemplos destas actuacións, afirmou.

A nova lei debe recoller a realidade galega, respectar o  patrimonio edificado e distinguir de maneira nítida as competencias da  Xunta e os concellos

Neste sentido, considerou que todas as administracións “deben asumir a súa responsabilidade” polo que é imprescindíbel que  a nova Lei de Urbanismo defina as competencias, xa que de non ser así, “non avanzaremos nin resolveremos as cuestións de fondo”.

Para a deputada nacionalista é necesario “partir de cero” e establecer criterios que resolvan unha situación urbanística que cualificou de “mala”. É moi importante, engadiu partir da “reflexión e a responsabilidade” e  que todos e todas contribuamos nunha lexislación que nos axude a levar a práctica accións que melloren a actual situación.

Documento alonxado da realidade

En alusión ao documento  das bases  presentado pola Xunta, a parlamentaria asegurou que “non é o inicio máis adecuado” porque, ao seu xuízo, parte dunha “análise errónea da realidade galega”.

Ademais, evita referirse ás propias competencias exclusivas da Xunta no ámbito urbanístico e  ordenación do territorio e centra a atención nos concellos, nos plans xerais e equipas redactoras e a  universidade.

Na súa alocución, Da Silva explicou que o regulamento do planeamento sobre o que se traballa é do ano 78 e dende a Lei do ano 85 segue pendente a súa regulación, “a Xunta debería ter feito este traballo ao longo dos anos”, manifestou.

É un erro copias leis foráneas porque Galiza non é nin Murcia nin Castela

A nacionalista deixou clara a postura do BNG no que atinxe a seguir aplicando “parches” polo que volveu reclamar unha Lei urbanística adaptada á realidade galega e unha clara definición do marco competencial.

Da Silva considerou “un erro” tentar copiar leis foráneas porque  “Galiza, afirmou, posúe un asentamento territorial moi diferente a Castela ou Murcia”.

A deputada do BNG concluíu apostando por un  acordo, entre as distintas forzas políticas, ao fin de acadar un “texto novo” que recolla as peculiaridades da situación urbanística galega e que  resolva os problemas, unha nova Lei de Urbanismo, dixo, que ademais sexa “asumida pola sociedade”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG