xerais 2023

Carme da da Silva pide traspasar competencias da Confederación Hidrográfica do Miño a Galiza

Ponteareas
Ponteareas
"Evitaría problemas de xestión e daría solucións ás inundacións en Ponteareas, por exemplo", afirma a candidata nacionalista ao Congreso

Traspasar as competencias da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a Galiza e, até entón, que se desenvolva un plan ambicioso de actuacións para o saneamento e recuperación das augas e paliar as inundacións. Esas foron dúas das prioridades que a cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás xerais do 23X plantexou hoxe en Ponteareas, na ribeira do río Tea, un lugar especialmente afectado polos danos das crecidas.

A nacionalista subliñou que Galiza ten o problema de que o 48% das súas concas hidrolóxicas son de competencia estatal, polo que o BNG defenderá no Congreso ter as competencias plenas sobre todos os ríos do país. “Dende Madrid, a 600 quilómetros de Galiza nin hai coñecemento da realidade galega nin unha prioridade para o sostemento do noso sistema hidrolóxico”, dixo.

No caso concreto da conca do Miño destacou que se acumulan problemas sen resolver: a inexistencia dun plan de saneamento de todos os ríos da vacía; a inexistencia dun plan que controle as inundacións; ou a falta de control dos encoros hidroeléctricos que teñen dado serios problemas polos vaciados “que se fan dos encoros cun descontrol absoluto por parte da Confederación Hidrográfica”. “Así sucesivamente, dende inundacións de vivendas á falta tamén dun plan de seca ambicioso para garantir o abastecemento”, salientou.

“Somos o país dos mil ríos pero temos que ter capacidade de xestión e decisión sobre eles. No caso da conca do Miño que lle dá sentido ao noso país, que está na nosa bandeira, con moitísimo mais motivo. E para iso, subliñou, precisamos un grupo galego forte, para poder decidir sobre os nosos ríos”, sinalou, destacando que só o BNG pode garantir a defensa dos intereses do país, fronte á discriminación e esquecemento das forzas centralistas e estatais.

“Nestas eleccións decidimos quen nos representa en Madrid, e canta máis forza e máis poder para condicionar as políticas do estado teña o BNG, máis resultados en beneficio do país conseguiremos. Os 22 deputados da provincia polas forzas centralistas ata o de agora foron unha ‘procesión de caladiños’ que non defenderon os intereses de galegas e galegos. O Bloque ten as mans libres e a súa forza é ser e estar por e para Galiza”, dixo. Por iso pediu a toda a cidadanía que lle quere ao país, “rebelde e inconformista”, que o 23X colla a papeleta do BNG. “Só se o BNG está en Madrid, Galiza está. Non imos defraudar”, sentenciou.

Da Silva realizou estas declaracións nas inmediacións da praia fluvial da Freixa acompañada do candidato ao Congreso Xosé Manuel Rodríguez, de Cristina Fernández, deputada no Parlamento galego e concelleira, candidatos e candidatas da comarca, e Miguel Bouzo, voceiro municipal, ademais de veciñanza afectada da contorna do río Tea.

A propia Cristina Fernández, tamén ex alcaldesa da vila, destacou que no pasado inverno houbo desbordamentos no río Tea en Ponteareas en catro ocasións, que afectaron a vivendas particulares e tamén a equipamentos e infraestruturas municipais, xerando custes económicos. “É preciso tomar medidas áxiles para paliar os efectos e consecuencias das inundacións e dispoñer das competencias suporía un alivio e axilización dos trámites da veciñanza e os concellos da zona para autorizacións e para realizar actuacións e licitacións en terreos de competencia da confederación.”, salientou.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG