O BNG rexeitou no Parlamento galego cunha emenda á totalidade o proxecto de Lei de Ordenación do Territorio presentado polo PP ao considerar que fomenta “a especulación, o pelotazo urbanístico e o espolio” e carece de instrumentos de planificación territorial, tal e como xa acontece coa Lei de 1995 actualmente en vigor e que “en 25 anos só desenvolveu unhas únicas Directrices do Territorio”.
Segundo subliñou a deputada Alexandra Fernández, o proxecto de lei presentado pola Xunta mantén o mesmo marco instrumental que a actual e a única novidade que incorpora é a figura dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), coa que se antepoñen os intereses privados por riba do interese xeral. “Este é o verdadeiro cabalo de Troia da lei -recalcou-, un mecanismo que permite reclasificar o solo por iniciativa privada e sen que sexa preciso ningún plan sectorial”.
A deputada nacionalista acusou ao Goberno galego de “decretar a morte da planificación territorial do país” coa nova norma e articular un engrenaxe que dea cobertura legal á arbitrariedade política para, a continuación, cuestionar ademais un articulado repleto de declaracións de intencións que non se concretan de xeito práctico. “Esta lei nin soluciona as eivas da lexislación anterior nin responde aos retos de futuro no ámbito territorial”, afirmou.
Ante o proxecto presentado polo PP, Fernández avogou por elaborar unha lei que inclúa unha ordenación e planificación públicas, xerarquizadas e con prazos e disposicións vinculantes. Así pois, o BNG presentou máis de 140 emendas parciais ao proxecto nas que propón liñas de actuación concretas para sustentar a nova Lei de Ordenación do Territorio.
Nesta liña, a deputada do Bloque enumerou algunhas estruturais, como a reformulación do papel das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), das que dixo deben ter capacidade para planificar de forma propositiva e establecer obxectivos temporais, ao tempo que deben definir e delimitar os ámbitos supramunicipais en que se articula a totalidade do territorio galego, que serían desenvolvidos a través dos Plans Territoriais Integrados (PTI). “Temos que fixar un prazo de 10 anos para que todas as comarcas e áreas metropolitanas do país teñan o seu PTI”, propuxo.
De igual xeito, puxo enriba da mesa a necesidade de deseñar unha nova arquitectura dos instrumentos de planificación, nos que os Plans de Escala Subrexional teñan unha consideración preponderante sobre os Plans Sectoriais, dado que teñen un carácter integral para os aspectos sociais, económicos, ambientais ou culturais dun mesmo ámbito. Ao xuízo do BNG, son os Plans Territoriais Integrados os que deben acoller as directrices estratéxicas dos Sectoriais e adaptalas aos obxectivos xerais do conxunto do ámbito territorial.
Por último, Fernández tamén propuxo a dotación da lei de Plans con Incidencia na Planificación Territorial, unha nova figura que permite planificar pezas fundamentais na ordenación do territorio, como as redes viaria e ferroviaria, os portos e aeroportos ou outro tipo de equipamentos, de tal xeito que se solucione a disfunción das relacións competenciais co Estado.