O BNG volve a pedir un Plan de usos sanitarios para a Torre do Xeral de Vigo

A deputada do BNG, Montse Prado destacou a grave situación do tecido comercial da contorna tras o peche do Xeral de Vigo e lamentou o voto en contra do Partido popular ao Plan de usos sanitarios para a Torre argumentando que xa existe un hospital novo que cubre esas necesidades.

Montse Prado en Comisión

 A parlamentaria do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha Proposición non de lei destinada a revitalización socieconómica da contorna do antigo hospital de Vigo a través dun Plan de usos sanitarios para a antiga torre do hospital Xeral.

A nacionalista demandou unha alternativa aos edificios que tras o traspaso ao novo hospital Álvaro Cunqueiro fican baleiros na cidade de Vigo.Neste sentido, engadiu que Vigo “inserta nunha área sanitaria deficitaria” en recursos sanitarios e “maltratada polo Partido popular”, e un área sanitaria utilizada como “o coello de indias” na que o PP está a ensaiar a “indecente privatización da sanidade de maneira salvaxe”.

Mobilización en Vigo para reclamar a activación dos edificios sanitarios baleiros tras o traslado ao Álvaro Cunqueiro

As políticas do PP, dixo caracterízanse por máis custes, repagos e “desastre de funcionamento”. Unha das consecuencias da “improvisación” da posta en servizo do novo hospital de Vigo, recalcou a nacionalista, provocou que as dependencias do Hospital Xeral, o Hospital Cíes, Rebullón e centros de especialidades de Coia e Doblada queden sen servizo e o Partido popular segue sen ofrecer alternativas e negando o diálogo cos colectivos que demandan unha solución. O vindeiro martes día 15, a Asociación de comerciantes, Xunta de persoal e S.O.S Sanidade pública volverán a manifestarse reclamando unha solución ao baleiro producido despois do traslado.

 Intervención de Montse Prado

Máis de 80.000 metros cadrados de infraestrutura pública nunha céntrica ubicación con 200 negocios na contorna e 600 empregos motivan, dixo a deputada, a preocupación dos veciños e veciñas e colectivos implicados ao que debemos sumar as necesidades sanitarias en Vigo. Asemade lembrou que nun inicio existía unha planificación de usos para esas infraestruturas sanitarias, pasados varios meses do traslado ao Álvaro Cunqueiro, “o goberno galego segue sen ofrecer ningunha alternativa”.

Pola súa parte, o portavoz do PP, Miguel Santalices anunciou que é necesario elaborar un informe técnico sobre o edificio que podería destinarse a usos sanitarios pero dende o Partido popular non estamos dacordo porque “xa hai un hospital novo” polo que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.

Montse Prado: “Non é tempo de ver, é tempo de facer”

Na réplica a nacionalista afirmou que non é tempo de ver, “é tempo de facer” e a comarca de Vigo xa non pode permitir máis desemprego. Existen unhas infraestruturas sanitarias que deben ser definidas porque o contrario terá como consecuencia “desertizar a zona”. O goberno galego, dixo, debe moverse e dar unha solución como reclaman diferentes colectivos polo que volveu pedir “un plan de usos sanitarios” para a torre do Hospital Xeral.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG