O BNG volve levar ao Parlamento a subida das pensións non contributivas para 40.000 galeg@s

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón: “Non imos permitir que Feixóo se agoche tras cortinas de fume para evitar falar dos problemas dun Galiza á cola en materia de pensións"

Insta a mobilizarse contra a involución democrática do Estado español: “A mensaxe é que toda persoa que cuestione o status quo será perseguida”

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai volver levar ao Parlamento a proposta para subir as pensións non contributivas en cen euros mensuais, o que suporía un pequeno respiro para 40.000 galegos e galegas que hoxe están por debaixo do umbral da pobreza cunha prestación de 377€ mes. Para esta subida, a Xunta só precisaría investir 40M€.

“Non imos permitir que con cortinas de fume Feixóo evite falar dos problemas reais que preocupan á cidadanía galega como é a perda de poder adquisitivo das pensións, que no caso de Galiza son as segunda máis baixas do Estado, ou sobre o roubo continuado de dereitos que vivimos ao longo destes anos. É moi grave que no pasado pleno o presidente da Xunta non tivese unha palabra para explicar porque non é capaz de destinar 40 M€ dun orzamento de 9.000 para mellorar as pensións mínimas”, salientou a dirixente do Bloque.

Pontón considera que o veto a esta proposta “demostra unha vez máis que Feixóo prefire defender os intereses do PP antes que aos galegos e as galegas, converténdose en cómplice da situación das persoas pensionistas deste país que soportaron unha perda de poder adquisitivo do 10% e cun diferencial coa media do Estado que non deixou de aumentar desde 2009”.

“Desde o BNG non imos quedar de brazos cruzados e volvemos levar o debate das pensións ao Parlamento para poder avanzar na subida das pensións, porque é unha proposta sensata, posible e responde ao que están reclamando na rúa as persoas xubiladas. Non é a solución definitiva pero vai na boa dirección e manda unha mensaxe política clara desde Galiza en defensa do sistema público de pensións, unha conquista dos e das traballadoras que non se pode cuestionar”, argumentou.

Solidariedade e fraternidade

Pontón arrancou a rolda de prensa facendo unha valoración en relación á situación política do Estado que o BNG considera “unha involución democrática sen precedentes”. Neste sentido, a formación nacionalista traslada a súa “solidariedade e fraternidade” coas persoas que están “inxustamente encarceradas ou exiliadas” pasando por unha situación persoal e familiar moi difícil, e insta a que, dunha vez, “actúe a política e deixe de agocharse en decisións xudiciais inxustificables”.

O Bloque considera que o pasado venres co encarceramento de diferentes responsables políticos de Catalunya “consumouse un ataque sen precedentes á liberdade e a democracia desde un réxime do 78 que está mutando a unha deriva autoritaria que nos recorda aos tempos da longa noite de pedra, cun poder xudicial que actúa ás ordes do poder político rachando coa división de poderes”, denunciou.

Neste sentido, Pontón considera que a reacción do Estado “é un aviso para navegantes lanzando a mensaxe de que toda persoa que cuestione o status quo vai ser perseguida, e se quere evitar que se cuestione, por vías democráticas, o actual marco político. É unha mala noticia para calquera demócrata, e esa mutación autoritaria do réxime do 78 tradúcese na persecución de todo aquel que pense diferente, sexa nun chío, sexa plasmando nun libro os vínculos do PP co narcotráfico”, alertou.

Por iso, o BNG fai un chamamento á sociedade galega para que esta tarde participe de xeito masivo nas concentracións convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya ante un ataque á democracia e á liberdade “fronte ao que non vale nin a equidistancia, nin a indiferenza”, salientou.

Dobre vara de medir do PP

A preguntas dos medios, Pontón considera que o incidente que implica a unha deputada de En Marea “é unha cuestión interna que espero saiban dilucidar da mellor maneira posible”, ao tempo que facía fincapé na dobre vara de medir do PP.

“O que prexudica á política son os continuos casos de corrupción do PP, o último unha presidenta da Comunidade de Madrid incapaz de xustificar o seu título de master, e se é capaz de falsificar as súas notas da medo pensar como xestiona os recursos públicos. No BNG entendemos a política como servizo público e cando se dan casos como este o que vemos é unha resposta moi tímida por parte do PP, que sempre ampara aos seus pero pon o listón altísimo cando se trata de circunstancias que afectan aos demais. Penso que estaría ben que empezasen por limpar a súa propia casa”, concluíu.

 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG