O BNG usará todas as alternativas para derrogar a prórroga de 60 anos que Rajoy concedeu a ENCE

O BNG denuncia que a decisión do goberno central en funcións de prorrogar por sesenta anos a presenza de Ence-Elnosa na Ría de Pontevedra supón unha “traizón” de Mariano Rajoy aos intereses xerais de Galiza a favor dos intereses particulares dun empresa.

Ence-Elnosa na Ría de Pontevedra

“Rajoy utiliza o tempo de desconto para consumar un atropelo con nocturnidade e aleivosía que prexudica non só a veciñanza de Pontevedra e comarca senón ao conxunto do país”, critica o portavoz nacional, Xavier Vence. A prórroga, dada a coñecer pola empresa pese a súa transcendencia pública, “evidencia unha decisión corrupta do PP que desoe o clamor cidadán para satisfacer os intereses da pasteira, en cuxo consello de administración ocupan postos clave figuras destacadas do PP, como Isabel Tocino, Abril Martorel ou Del Álamo”, afondou.

O Bloque xa anuncia que estudará todas as vías posibles para enfrontar esta decisión que entrega durante sesenta anos a Ría de Pontevedra a unha empresa, tanto a través da loita social na rúa, como desde as institucións e pola vía xudicial. Ao mesmo tempo, reclamará ao futuro goberno central que derrogue esta prórroga.

O dirixente nacionalista acusa a Rajoy de “desprezar” a demanda maioritaria da sociedade ao poñerse do lado da pasteira, “ignorando unha reclamación que mereceu anos de reivindicación e de loita na rúa e nas institucións por parte de miles de galegos e galegas, aos que o presidente en funcións deixa de lado para atender os intereses dunha empresa colocada na Ría de Pontevedra polo franquismo”.

Neste sentido, o BNG explica que a “lexítima” demanda da cidadanía, -que o Bloque sempre defendeu e apoiou, con especial empeño desde a responsabilidade de goberno municipal en Pontevedra-, permitiría a rexeneración íntegra da Ría, coa conseguinte creación de miles de postos de traballo reais.

Ademais dun claro atentado contra a autonomía municipal, -que o PP consuma tras modificar a Lei de Costas-, o Bloque considera a prórroga unha privatización do dominio público, unha auténtica fraude cando o Goberno da Xunta de Feijóo debería exercer as competencias exclusivas en materia de territorio e iniciar o proceso para recuperar o espazo de Ence-Elanosa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG