O BNG vai utilizar a sesión de control ao presidente da Xunta para pedirlle que rectifique e, por unha vez, defenda os intereses do país recorrendo á vía xudicial para reclamar os 200 millóns de euros que o Estado debe a Galiza, “porque, con independencia de quen xerara esta débeda, que foi un ministro e un Goberno do PP, son cartos das galegas e dos galegos”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.
Tras lembrar que fai apenas tres meses o PP de Feixóo vetou no Parlamento unha proposta do Bloque para acudir a vía xudicial, Rodil insta ao xefe do Executivo a rectificar.
“É evidente que os intereses de Galiza non se defenden nin cun arrebato epistolar de última hora para facer que fai, nin utilizando a este país nunha estratexia de falsa confrontación para maior gloria de Casado. Os intereses de Galiza deféndense desde o Parlamento, desde o Goberno e mesmo recorrendo á vía xudicial cando é necesario”, argumentou Rodil en referencia ao papel do presidente da Xunta.
Para a viceportavoz, o acordo de investidura deixou claro quen ten a capacidade de poñer por diante a defensa do país. “Cando se quere pór os intereses de Galiza por diante, pódese”, alegou a deputada nacionalista, como demostra o pacto de investidura no que o Bloque conseguiu nun mes máis logros que Feixóo nunha década na que foi incapaz de desbloquear nin un só dos grandes problemas do país”.
“Quen defende os intereses de Galiza é o BNG, unha forza sen ataduras e sen dependencia de ningunha forza estatal”, salientou, tras alegar que “non chega con choromicar, nin con arrebatos epistolares que só usan Galiza para favorecer a estratexia política de Casado, nin usando este país como unha bóla para o pim-pam-pum das forzas estatais”.
Para Rodil, hai xa unha maioría social que quere unha cambio real liderado polo BNG e por iso pensa que fai moi ben o PP en estar preocupado polo avance do nacionalismo: “porque saben que canto máis BNG menos PP, fai ben Feixóo en estar moi nervioso”, ironiza. “Cada vez hai máis galegas e galegos que están fartas dun presidente que pasou de ser o recadeiro de Raxoi a ser o recadeiro de Casado disfrazado de falsa confrontación, cada vez máis galegas e galegos queren un cambio político real en Galiza e queren que Ana Pontón e o Bloque lidere ese cambio”, concluíu.
Resposta firme contra a violencia machista
A viceportavoz parlamentaria empezou a rolda de prensa trasladando as condolencias da formación nacionalista “é unha forte aperta” á familia da muller asasinada o sábado na Pastoriza, a primeira muller asasinada no noso país pola violencia machista en 2020, a sexta no conxunto do estado no que vai de ano.
En Galiza desde que hai rexistros oficiais foron asasinadas 62 mulleres, -cifra incompleta-, “que representa a expresión máis crúa dun dos principais problemas sociais e políticos que temos, como é a violencia machista”, alegou. “Cómpre máis e mellores recursos e cumpre responder política e socialmente con firmeza por iso desde o BNG facemos un chamamento ao conxunto da poboación a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista hoxe luns por todo o país”, concluíu.