O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa para que o Goberno do Estado recupere os horarios e frecuencias na estación de ferrocarril de San Clodio-Quiroga. A organización nacionalista destaca que a chegada do AVE non pode supor a perda de conexións no interior do País e coas principais cidades que alteran e dificultan compatibilizar o transporte ferroviario cos horarios laborais.
Coa chegada do AVE a Galiza producíronse numerosas alteracións e supresións tanto de horarios como frecuencias nas liñas habituais que moitas usuarias empregaban do servizo ferroviario por motivos laborais, de estudo ou outros. Ademais das modificacións e a supresións das liñas AVANT A Coruña-Ourense, cabe destacar o recente anuncio que elimina a conexión polas tardes entre a estación de San Clodio-Quiroga coas cidades da Coruña e Santiago de Compostela.
“Esta decisión vén relacionada coa prioridade estabelecida polo executivo do Estado de adaptar todas as liñas e frecuencias ás conexións do AVE con Madrid en detrimento das conexións internas na Galiza” denuncia o deputado nacionalista, pondo como exemplo a de San Clodio-Quiroga: unha viaxe de 2 horas e dez minutos desde Compostela cando a viaxe de Ourense a Madrid dura dúas horas e cuarto. Esta era “unha das poucas posibilidades de chegar a Quiroga en transporte público” desde cidades como Coruña ou Vigo.
A formación nacionalista avalía este anuncio como “un novo recorte de servizos que segue profundando no progresivo desmantelamento dos servizos ferroviarios na Galiza”, dificultando e mesmo eliminando as conexións de tren entre as principais poboacións. “Un transporte que debería ser fomentado e promocionado como transporte colectivo, público e sustentábel mentres que, con estas decisións, na práctica se está obrigando ao uso do vehículo propio por estrada” sinala Rego.
Esta liña estaba a ser moi empregada pola mocidade, sobre todo estudantes, para desprazarse semanalmente desde a Universidade até os seus domicilios e pasar alí a fin de semana. Mais, agora, esta posibilidade desapareceu polo que só resta o transporte por estrada e os vehículos privados. Por iso Rego demanda que se recupere esta liña e o resto de liñas, horarios e frecuencias que o executivo estatal eliminou, como forma de promover o uso do transporte público sustentábel en detrimento do vehículo particular. “Non é xustificado que a chegada do AVE supoña a perda de conexións e a grave alteracións dos horarios que dificultan poder compatibilizar o transporte ferroviario cos horarios laborais, de traballo, estudo ou outros” subliña.
Mobilización na rúa para recuperar as liñas
A organización nacionalista tamén avanza novas accións para o restabelecemento das liñas e frecuencias que conectaban a vila e a comarca coas cidades galegas como Vigo, Santiago ou Ourense. O BNG comezará a recoller sinaturas en toda a comarca para exixir que o executivo recupere as liñas, tamén o Rexional Express de Vigo a Ponferrada.
Así mesmo, reclaman o restabelecemento do servizo nocturno que conectaba Galiza con Barcelona, e viceversa, que foi cancelado durante a pandemia e até agora non recuperado. “Esta liña era empregada por moitos galegos e galegas que viven en Catalunya e collían este transporte para pasar a fin de semana coa súa familia” explica.