BNG urxe o MITECO a arranxar as balsas da Mina de San Finx para evitar filtracións

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama a inclusión no inventario de balsas abandonadas as presas de residuos mineiros do Grupo Mineiro San Finx polo seu impacto medioambiental

Anxo Moledo apunta que nin Concello, nin Xunta nin o Estado se fan responsábeis da grave situación das minas en Lousame ante a contaminación das augas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara para que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico inclúa no inventario de balsas abandonadas as presas de residuos mineiros do “Grupo Mineiro San Finx” pois o seu progresivo deterioro pode supor un grave risco medioambiental. Así mesmo, a organización frentista solicita coñecer o Plan de Labores Mineiras e o Informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro e a súa avaliación do grado de conservación actual da presa.

O “Grupo Mineiro San Finx” está composto por 21 concesións de explotación mineira desde 1883 e prolongándose até 2066. A súa transmisión e vixencia contrasta cos períodos de inactividade e abandono, porén a Administración nunca promoveu a caducidade dos dereitos. Desde 2015 a titularidade das concesións posúea “Tungsten San Fix S.L.”, da que é administradora única a súa matriz “Valoriza Minería S.L.”.

As presas construídas para a filtración das augas da mina foron incluídas nos plans de mantemento da Xunta até o ano 2000, ano en que a concesión da mina obtívoa unha filial de Florentino Pérez e alegaron que as presas “primeiro pertencían a un muíño e logo a unha central hidroeléctrica”. Ante o abandono da presa, a formación nacionalista presentou a nivel municipal iniciativas para que se revisase estado das balsas e se incluíse no inventario de balsas abandonadas de xestión estatal, alertando que coas fendeduras actuais e o seu progresivo deterioro, as augas contaminadas “acabarían por filtrar e poderían chegar polo río até a Ría de Muros-Noia co grave impacto medioambiental que suporía”.

Neste sentido, a formación nacionalista reclama ao MITECO que proceda a incluír as presas de residuos mineiros do Grupo en Lousame no inventario de balsas abandonadas. Aseguran que ten un impacto medioambiental grave o que pode converterse a medio ou curto prazo “nunha grave ameaza para a saúdea ou a seguranza das persoas e mesmo para o medio ambiente”, a inclusión neste inventario obrigará a un control periódico das instalacións e ao mantemento das instalacións.

Así mesmo, solicitan ao Ministerio un informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro para que, ante os antecedentes e a propia realidade das instalacións reflexada nos informes emitidos en 2019 e 2020 pola Xunta de Galiza, para que determinen o tipo de residuos almacenados nas das presas e procedan a incluílo no inventario de titularidade estatal.

Por outra banda, Rego demanda ao Goberno do Estado que estabeleza os mecanismo de actuación que permitan unha xestión e actualización adecuada do referido inventario en situación nas que as Administracións das Comunidades afectadas “non colaboren de forma leal neste ámbito como é este caso”.

“Nin o Concello, nin a Xunta nin o Estado se están a facer responsábeis da grave situación das minas en Lousame. A empresa tampouco parece importarlle o estado de salubridade da auga, o único que quere é continuar coa súa actividade mineira que se viu interrompida porque as galerías están inundadas de auga” recrimina o voceiro municipal do BNG en Lousame, Anxo Moledo. Así mesmo, alerta que as filtracións de auga con metais como o Cadmio poderían pechar a industria do berberecho da Ría pola contaminación e os problemas de salubridade que provocaría.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG