BNG urxe a Demarcación de Costas a resolver a concesión administrativa sobre as carpintarías de ribeira da Seara en Moaña

binary comment
Moaña

Néstor Rego visita o concello do Morrazo para coñecer de primeira man o estado actual do proxecto de humanización da Seara que inclúe a rehabilitación das carpintarías de Casqueiro e Carlagho.

O deputado insta a axilizar os trámites da concesión paralizados durante anos para poder acometer os proxectos.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a localidade de Moaña para coñecer os proxectos de humanización e rehabilitación da Seara e as carpintarías de ribeira de Casqueiro e Carlagho. Neste sentido, Rego reclama ao Goberno do Estado, de quen depende a Demarcación de Costas, que axilice os trámites da resolución administrativa que permita a concesión das carpintarías que foi solicitada en 2019 e así poder executar a rehabilitación de toda a zona da Seara e integrar tamén estas edificacións.

A zona da Seara, un espazo céntrico no concello de Moaña e próxima á beira do mar, é o único tramo en que o paseo marítimo da vila se interrompe da parroquia de Tirán até Meira. Para poder levalo a cabo, a equipa municipal redactou un proxecto para a humanización da zona coa creación dunha gran praza pública de preferencia peonil. Nesta contorna existen dúas antigas carpintarías de ribeira- a de Casqueiro e a de Carlagho- protexidas por patrimonio como bens etnolóxicos dentro do catálogo de patrimonio cultural da Galiza das carpintarías de ribeira.

binary comment“Coa existencia destas dúas infraestruturas ao carón, é preciso que sexan rehabilitadas de forma que se integren na contorna ademais de manter vivo o seu valor cultural e etnolóxico” destaca o deputado do BNG. Así mesmo, os proxectos redactados para o seu acondicionamento contan xa coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, só fica pendente a concesión correspondente por parte da Demarcación de Costas do Estado, organismo ante o que foi presentada a solicitude en xuño de 2019.

“Non é aceptábel que o proxecto leve dous anos parado pendente dunha confusa tramitación administrativa que case parece evidenciar una falta de vontade política por parte do Goberno do Estado para pór o proxecto en marcha” remarca Rego. De facto, a última noticia respecto disto foi a apertura do trámite de exposición pública suspendida en marzo de 2020 por mor da pandemia. “Mais non pode ser que un ano despois e podendo realizar as oportunas contestacións ás alegacións que se puideron presentar aínda non estea resolto o expediente favorabelmente” subliña o deputado nacionalista.

Por este motivo, o deputado do BNG rexistra iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Goberno do Estado que axilice os trámites pendentes e lograr unha pronta resolución que permita acometer tanto o proxecto de humanización na zona da Seara como a rehabilitación das antigas carpintarías de ribeira.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG