Bloque Nacionalista Galego rexistra no Congreso, conxuntamente con EH Bildu e ERC, unha solicitude para a creación dunha Comisión de Investigación para esclarecer e estabelecer as causas do accidente ferroviario do Alvia ocorrido en Santiago de Compostela en 2013. As formacións sinalan que existe nova información para retomar os traballos da Comisión creada en 2018 na cámara baixa e que viu truncada a súa actividade pola disolución das cortes en abril do ano seguinte.
A un día do oitavo aniversario do accidente do Alvia en Angrois na liña Ourense-Santiago de Compostela as tres formacións soberanistas aseguran que quedan moitos aspectos que tratar para determinar as causas e responsabilidades “que nunca foron esclarecidas”. No accidente morreron 80 persoas e houbo 152 feridas e, a pesar das múltiplas reclamacións efectuadas dunha investigación completa, persisten “sombras nos procedementos de indagacións”.
“Existiu unha Comisión de Investigación no seo do Congreso que foi interrompida pola convocatoria electoral de abril de 2019 e a disolución das Cortes. Isto deixou os traballos sen finalizar e sen poder achegar conclusións despois das comparecencias que se efectuaron” lembra o deputado do BNG, Néstor Rego, que sinala a conivencia de PP e PSOE para evitar asumir as responsabilidades políticas que corresponderían a cargos ministeriais de ambas as formación.
Pola súa parte, a instrución xudicial, que foi fechada en abril de 2021, deixa soamente como imputados “un xefe de seguranza do xestor ferroviario de infraestruturas (ADI F) e o maquinista do convoi accidentado”.
“É necesario continuar coas pesquisas en sede parlamentaria e mais existindo novos datos e a negativa do Ministerio de Transportes a abrir un procedemento de investigación realmente independente, dado que a CIAF depende do propio Ministerio, o que contravén a normativa comunitaria que é de obrigado cumprimento” subliña Rego.
O deputado nacionalista destaca que é de vital importancia que os traballos realizados no Congreso dos Deputados en 2018-2019 poidan retomarse “para poder lanzar as conclusións que esclarezan a cadea de responsabilidades e recomendacións de medidas a levar a cabo que permitan no futuro evitar outro accidente e que sirvan para exixir o cumprimento das diversas Directivas e Regulamentos de aplicación”.
Recentemente, e en paralelo ao proceso xudicial da Audiencia da Coruña, asociacións de vítimas presentaron, tamén en abril de 2021, unha demanda contra o Ministerio de Transportes e contra a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid pola negativa -por silencio administrativo- da CIAF a realizar unha investigación independente e acorde aos procedementos legalmente establecidos e regulados sobre o accidente ocorrido en Angrois.
Alén do máis, o deputado Néstor Rego, xunto coa representante en Europa, Ana Miranda, e outros cargos do BNG, participará mañá na mobilización convocada en Compostela polas vítimas do Alvia en que, mais unha vez, reclamarán xustiza, verdade e reparación.