BNG urxe ao goberno a incoar o expediente de ampliación BIC para blindar e protexer os bens mobles de Meirás e pide que non se escuse no Estado

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará apela aos acordos parlamentarios unánimes  para impedir que a familia Franco repita o espolio dos bens mobles

Amosa unha fotografía dunha das pías bautismais románicas de Moraime, roubadas pola familia Franco e convertidas agora en maceteiros

A través dunha pregunta parlamentaria, o deputado do BNG, Luís Bará urxiu ao goberno a incoar o expediente de ampliación BIC para blindar e protexer os bens mobles de Meirás e apelou aos acordos unánimes na Cámara galega para impedir  “o espolio” dos bens mobles por parte dos herdeiros da familia Franco.

Bará lembrou que o Auto da audiencia provincial do 20 de abril permitía aos Franco, “repetir o espolio coa retirada dos bens mobles do Pazo de Meirás: até 700 obxectos algúns de incalculábel valor”.

O nacionalista cualificou o fallo da Audiencia de “decisión inaceptábel e aberrante”, que coloca aos Franco como vítimas. Para Bará, estamos pagando “a factura” dunha “transición inmodélica” que legalizou e branqueou o franquismo.

Na súa intervención urxiu a dar unha resposta rápida e lembrou o acordo parlamentario unánime  do pasado 5 de maio, a partir dunha proposta do BNG para demandar accións xudiciais da administración do estado e da Xunta como coadxuvante en defensa da titularidade pública dos bens mobles e  defender a incoación urxente da inclusión do BIC Torres de Meirás dos bens mobles que pola súa vinculación co inmoble forman parte inseparábel del, así como a  aplicación provisional a estes bens mobles do réxime de protección previsto para os bens de interese cultural.

A Xunta ten competencias para axilizar a declaración BIC dos bens mobles

“Vostedes pásanlle a pelota ao goberno central”, explicou o nacionalista. A propia  A Avogacía do Estado e a Secretaría Xeral de memoria histórica tamén dan razóns fundamentadas para urxir á declaración BIC e a  Lei de Patrimonio recolle o Pazo de Meirás “sitio histórico cos valores que forman parte del”.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez culpabilizou ao Estado de ralentizar a sinatura dun convenio para que Xunta inicie o proceso do expediente BIC  ao que  nacionalista replicou que  “a Xunta pode chegar tarde e correr o risco de que a familia Franco cometa pillaxe”. Bará amosou unha fotografía dende o escano dunha  das pías bautismais románicas roubadas pola familia Franco en Moraime e convertida en  maceteriros.

Bará reiterou que  o goberno galego ten competencias en patrimonio histórico para incoar o expediente, conta co aval da Avogacía do Estado e non é a primeira vez que unha comunidade fai unha declaración BIC, “fágano xa e non  poñan máis escusas”, concluíu

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG