O grupo parlamentar do BNG formulou unha pregunta oral no Pleno, a través da deputada Noa Presas, para reclamar actuacións por parte da Xunta de Galiza co fin de evitar que “pola súa neglixencia empeore ou sexa suprimido o servizo de comedor escolar do CEIP As Mercedes de Ourense ante as limitacións de espazo”.
Segundo reclamou a deputada, ante a alta incidencia da covid neste centro, “a Xunta ten que investigar que é o que aconteceu, porque as familias non quedan tranquilas enviando os seus fillos e fillas ao cole nestas condicións”. “Se algo se está facendo mal, e algo ten que estar facéndose mal para ter a peor incidencia de Galiza, isto vai volver pasar”, advertiu.
“E unha temeridade que un centro cunhas características físicas tan limitadas ofreza as merendas a nenos e nenas nun espazo tan reducido”, destacou. “Non poden seguir neste centro até final de curso, dependendo da sorte, porque a administración ten que ser colaboradora do ensino público”, engadiu.
“Non é un problema do colexio nin do profesorado, é un problema da Xunta, de dúas consellarías que non falan entre si e da incapacidade de facer un esforzo económico e organizativo por buscar espazo nas proximidades” que favoreza a adopción de medidas preventivas da pandemia.
Un dos elementos vinculados ao ensino e ás medidas de prevención da pandemia da covid-19 que é de especial relevancia e require de especial atención neste contexto son os comedores escolares. “No noso país arrastramos as eivas da falta de aposta pública por un servizo clave na cohesión social, na conciliación e no acceso a unha alimentación saudábel e equilibrada”, explicou Noa Presas. No caso do CEIP As Mercedes, en Ourense, este é un servizo que recuperou e xestiona a ANPA desde o ano 2007 e a alta demanda ten un correlato no aumento de matrícula que experimentou o centro.
Este CEIP ten moitas limitacións de espazo, polo que durante este tempo a ANPA asinaba anualmente un convenio coa Xunta de Galiza para empregar as instalacións públicas da Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, próxima ao centro educativo. É máis, durante varios cursos escolares compartiuse o uso da cociña ata a negativa da Xunta de Galiza aducindo unha meirande necesidade por parte desta residencia.
Segundo expuxo a deputada no Pleno do Parlamento, o 28 de agosto, despois de varias semanas solicitando información, a ANPA da Pía da Casca foi informada telefonicamente de que para o curso que comezaba de inmediato non sería posíbel asinar un novo convenio, de xeito que dificultan as garantías de espazo e seguridade sanitaria.
A falta de colaboración da Xunta de Galiza e o seu desleixo de funcións pon en perigo a viabilidade destes servizos facendo recaer na ANPA funcións que deberían ser asumidas desde as administracións públicas”, advertiu.
A isto súmase a falta de colaboración organizativa e económica diante das necesidades e obrigas xeradas pola pandemia da covid-19, de forma que o alumnado vulnerábel sofre ou ben a perda do servizo ou ben o seu encarecemento pola necesidade de aspectos como, por exemplo, máis monitores e monitoras. Toda esta situación vai en detrimento do ensino público e favorece a curto prazo o desprazamento de alumnado cara o ensino concertado e privado, recolle o texto da iniciativa.