O BNG traslada ao Parlamento as consecuencias dos arrastres polas choivas á ría de Arousa, despois dos incendios, e pide compensar ao sector do mar polas perdas

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez pregunta ao goberno polas medidas de contencións contra os arrastres sobre os bancos marisqueiros e reclama máis prevención ás consellerías do Mar e Medio Rural

O portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez alertou das consecuencias sobre o sector do mar  polos arrastres das choivas á ría de Arousa, tras a importante vaga de lumes  e reclama compensacións para o sector afectado.

A través dunha pregunta ao goberno, a nacionalista explicou que pasados uns días da   estabilización dos graves lumes do  pasado mes de agosto que queimaron  máis de 2.200 hectáreas na comarca da Barbanza, representantes das  confrarías e agrupacións de mariscadoras do norte da ría de Arousa fixeron público o seu temor pola afectación da  ría e  bancos marisqueiros.

Esta preocupación, xunto con outras demandas, afirmou a deputada,  foi trasladada ao conselleiro de Medio Rural a través  dos alcaldes da Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte nunha reunión o 17 de agosto coincidindo co anunciou público de Augas de Galiza en Coordinación coa Consellería de Medio Rural para inspeccionar diferentes puntos  afectados.

Sen embargo, explicou a nacionalista, a principios de setembro coa chegada das primeiras choivas ”confirmáronse os peores presaxios e os restos dos incendios chegaron á ría de Arousa a través, principalmente, dos ríos Pedras, na Pobra do Caramiñal, e Coroño, en Boiro”.

A Consellería de Medio Rural, criticou a deputada,  apurouse a facer público que a turbidez da auga na ría non era produto  da cinza e os propios técnicos do CIF de Lourizan afirmaron que se debía a “terra dos camiños e sedimentos que había nos ríos”, defendendo incluso que “os sedimentos chegaron á ría antes dos incendios”, versión coa que non concordaban os patróns maiores que insistían en que se percibía cinza en suspensión no mar.

A pesar de todas as imaxes que puidemos ver durante aqueles días,  a Consellería do Mar apoiou as declaracións de Medio Rural e asegurou que seguirían vixiantes.

As choivas, engadiu a deputada,  “volveron  a mediados de outubro e este mesmo luns, a Confraría da Pobra do Caramiñal facía público que o banco marisqueiro da praia dos Raposiños tiña, nalgúns puntos, unha capa de lodo e cinzas dun metro de altura”. O martes, despois de tentar limpar a zona afectada con maquinaria contratada polo Concello da Pobra e sen que a Consellería do Mar se puxese aínda en contacto con eles, “xa daban gran parte do marisco por perdido” e se descoñece o verdadeiro alcance dos danos e a afectación. Neste sentido, Rosana Pérez preguntou que medios porá a disposición a Consellería do Mar  para as  Confrarías afectadas e como serán abordados  os dados nos bancos marisqueiros para a súa limpeza e recuperación.

O BNG arrinca un compromiso de axudas á Directora Xeral de desenvolvemento Pesqueiro

Tras as preguntas da deputada do BNG, a Directora Xeral de desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, anuncio o compromiso da Consellería de convocar axudas para paliar as consecuencias provocadas polas choivas por “sedimentos, lodos e material vexetal acumulado”. Rosana  Pérez recalcou que todos estes materiais aparecen o ano no que se producen os incendios ao igual que “os arrastres” tras as primeiras choivas. Na súa opinión, resulta  “contraditorio” que os técnicos aseguren que os materiais son previos aos incendios cando durante un gran número de anos nunca apareceran.

Por outra parte, a deputada tamén  replicou a Rodríguez que os datos referidos sobre o  marisco  recollido durante os meses de setembro até novembro  deben ser comparados cos recollidos en períodos diferentes, “referencia que a Consellería do Mar non fixo”, afirmou.

Finalmente, a deputada do BNG considerou que tanto a Consellería do Mar como Medio Rural deben poñer os medios necesarios ante a carencia dos concellos e lembrou que concello da Pobra alugou medios para a limpeza que puxo a disposición da Confraría ao que sumou outros labores  no monte contra os incendios.

A parlamentaria nacionalista afeou a falta de “prevención” das consellerías do Mar e Medio Rural e volveu a reclamar medios para impedir os arrastres de restos vexetais e lodos que rematan na ría.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG