BNG e TEGA analizan a viabilidade dunha candidatura galega de unidadade

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2015.- As delegacións do Bloque Nacionalista Galego e de Terra Galega analizaron esta mañá no Concello de Narón a posibilidade de crear espazos de confluencia que fagan posíbel sumar vontades cara a unha candidatura galega de unidade para as vindeiras eleccións xerais.

O secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira; a responsábel comarcal da organización, Mercedes Tobío, e o portavoz municipal neste concello, Pablo Villamar, fixeron co secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, e o alcalde da cidade, José Manuel Blanco unha primeira toma de contacto na que quedaron de manifesto as coincidencias na análise da situación política de Galiza e tamén na necesidade de que o país teña presenza de seu nas Cortes do Estado na vindeira lexislatura a través dun grupo parlamentar que colme as aspiracións democráticas do pobo galego.

Os representantes de ámbalas dúas formacións coincidiron tamén en expresar a importancia de ir dando pasos cara a configuración da candidatura galega de unidade, para o cal manterán máis encontros nos vindeiros meses co obxectivo de concretar as propostas programáticas e os eventuais apoios a unha lista de confluencia.

Terra Galega, organización fundada en 2005, ten implantación en máis dunha ducia de corporacións municipais galegas e ostenta a Alcaldía de Coristanco e da oitava cidade de Galiza, Narón. Ademais, ten concelleiros nunha trintena de concellos do país e forma parte do grupo de goberno en Santa Comba e Pontecesures.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG