O BNG súmase a convocatoria cidadá para a celebración unitaria do Día da Patria

Proposta de Castelao como escudo de Galiza

O BNG súmase á convocatoria cidadán plasmada no Manifesto pola unidade que convida ás forzas políticas e ao conxunto da cidadanía á celebración unitaria do Día da Patria. Neste sentido, a manifestación do 25 de Xullo estará encabezada, seguindo a proposta desta plataforma cívica, por unha pancarta que portarán representantes do colectivo convocante da mobilización unitaria.

Proposta de Castelao como escudo de Galiza

“Imos estar detrás desa pancarta que vai encabezada por persoas que non representan a partidos políticos concretos senón ao conxunto do país que, baixo o lema A nación galega, expresará iso: que moita nación galega vai estar detrás desa pancarta reivindicando os nosos dereitos nacionais como pobo”, avanzou o portavoz nacional, Xavier Vence, confirmando o apoio do Bloque a esa convocatoria.

“Queremos partillar ese 25 de Xullo unitario, compartir c@s nacionalistas, -organizados en forzas políticas e non organizados-, que pensen que Galiza merece un apoio de todos e de todas para facer oír a súa voz, que queren ver recoñecidos os seus dereitos nacionais, que aspiran a que Galiza poda gobernarse de forma plena, ter soberanía para decidir sobre as cuestións que afectan á vida da xente deste país”, explicou Vence.

Manter o status de Galiza como nación en pé de igualdade co resto das nacións do mundo, respecto e normalización plena da lingua e cultura propias, dotarnos das ferramentas que permitan darnos un futuro “esperanzador” son, dixo Vence, “desexos compartidos” por moitos galegos e galegas e organizacións políticas. Con todos, o BNG quere compartir ese día “singular” para reivindicar “os nosos dereitos nacionais”.

Ao mesmo tempo, o Bloque continúa coa súa campaña de actos de celebración do Día da Patria por todo o país, -preto dun cento por concellos e comarcas-, co obxectivo de “quentar motores” e conseguir “encher as rúas de Santiago nun día de festa reivindicativa dos nosos dereitos como nación”. Esta campaña desenvólvese baixo o lema Adiante Galiza, soberanía e democracia, “porque a loita polos dereitos de Galiza como pobo, e tamén a loita por unha democracia de calidade”.

A formación nacionalista participará na habitual ofrenda floral de Galiza Nova no panteón de galegos ilustres a Castelao e Rosalía, e en todos aqueles actos de “sensibilización” para conseguir que o 25 de Xullo “sexa unha festa reivindicativa de todos e todas e unha mobilización masiva que encha as rúas de Santiago”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG