BNG solicita a comparecencia de Rajoy no Congreso polo resgate

O BNG solicitou a comparecencia urxente de Rajoy para que informe en sede parlamentar do resgate de 100.000 millóns de euros da UE destinado a salvar ás entidades financeiras do Estado español con problemas.

Quer o BNG que Rajoy explique as condicións financeiras ou de calquer outro tipo en relación ao resgate, e sobre todo, que dea conta das consecuencias que esta decisión vai ter sobre a cidadanía.

“O mundo idílico de Rajoy non existe: haberá máis recortes”

Jorquera considera que ante unha situación deste tipo, “impónse que o Presidente do Executivo compareza no Congreso e dea as explicacións pertinentes”. Para o portavoz do BNG no Congreso, “Rajoy pretende vendernos un mundo idílico pero o resgate de 100.000 millóns vai conlevar novos recortes”.

“Isto vai computar na débeda, polo tanto, sucederánse unha serie de recortes na liña do que xa están avanzando organismos internacionais como o FMI, BCE ou a mesma UE: suba do IVE, endurecemento das condicións laborais, especialmente da percepción do subsidio de desemprego, e adiantar o calendario de posta en práctica do aumento da idade de xubilación”.

Rajoy “debe deixar de xogar ás agochadas e comparecer”

Para Jorquera o resgate “vai representar unha intervención económica na práctica por moito que o Señor Rajoy o queira adornar de mil maneiras”. O tamén candidato do BNG á Presidencia da Xunta afirma que “o Presidente do Goberno debe deixar de fuxir do Parlamento e deixar de xogar ás agochadas. Compareceu onte case un día máis tarde de se anunciar o resgate, e de momento, non vemos que teña intención en dar explicacións en sede parlamentar. Rajoy ten o deber de informar e someterse ao control do Parlamento”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG