A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá a comparecencia urxente da Ministra de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade, Ana Mato, para que informe sobre a práctica suspensión do desenvolvemento da Lei de Dependencia que recibiu un golpe mortal cos duros recortes do Goberno de Rajoy.
Davila quer que a Ministra compareza e explique a situación de total desamparo e desprotección na que van quedar coidadoras e coidadores, e persoas dependentes.
O PP incentiva a privatización dos servizos a dependentes
Neste sentido, alude á decisión de dar de baixa na Seguridade Social ás denominadas coidadoras informais, na súa maioría mulleres. Lembra a deputada do BNG que desde o vindeiro 1 de setembro o Goberno xa non vai pagar as cotizacións á Seguridade Social das coidadoras familiares. Davila denuncia que o recorte de 280 millóns que xa o PP fixo nos Orzamentos Xerais do Estado, unido agora a outra reducción de 195 millóns no financiamento da Lei de Dependencia, supón a morte do terceiro cimento do Estado de Benestar.
Ademáis, toda esta merma redundará na eliminación de servizos públicos ás persoas dependentes, menos prazas nos centros de día e outros servizos que empiorarán a situación de moitas persoas necesitadas.
Davila afirma que as medidas de recortes do PP coa Dependencia é a súa desaparición ao mesmo tempo que incentiva a privatización destes servizos. Elimina do sistema público un piar fundamental do Estado de Benestar, para impulsar a súa conformación como servizo privado.