O deputado nacionalista, Néstor Rego, solicitou a comparecencia da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para que explique que medidas se están tomando ao respecto desde o Goberno central para evitar o peche de Alcoa San Cibrao e se valoran a súa nacionalización da factoría como vén propoñendo o Bloque Nacionalista Galego.
A semana pasada o BNG presentou unha Proposición non de Lei no Congreso para a intervención de Alcoa e retornala ao ámbito público, nacionalizando a planta para así manter os postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña. O deputado Néstor Rego salientou que “nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa; polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas, solución que permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira”.
Os nacionalistas ven necesario pór en marcha solucións que dean estabilidade ao sector e ao conxunto da nosa industria. Por esta razón, o deputado Néstor Rego salientou que “é preciso estabelecer unha Tarifa Eléctrica Galega que permita rebaixar considerablemente o custo da enerxía, porque Galiza é produtora excedentaria, pagamos os elevadísimos custos sociais e ambientais dun deseño que nós non realizamos, mais non nos beneficiamos desa condición de país produtor”. Neste momento as familias e as empresas galegas, pagan máis pola electricidade que en Madrid, onde consomen enerxía galega a 600 km de distancia.
O BNG reclamou desde un principio activar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo realmente eficaz, un compromiso do Goberno español que aínda non cumpriu, que permitiría que factorías como Alcoa San Cibrao puidesen manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas.