O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, vén de presentar unha Proposición non de Lei para a intervención de Alcoa e retornala ao ámbito público, nacionalizando a planta para así manter os postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña. “Nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa; polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas, solución que permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira” salientou Néstor Rego.
Para alén das circunstancias conxunturais do mercado do aluminio, o principal problema que ameaza a viabilidade da empresa son os altos custos da enerxía eléctrica, que resulta imprescindíbel para a produción na planta de aluminio. O BNG ve urxente pór en marcha unha Tarifa Eléctrica Galega que abarate a enerxía para as empresas -facéndoas máis competitivas- e permita ás familias beneficiarse da riqueza enerxética do seu país.Esa será a única maneira estábel e duradeira de favorecer a viabilidade da industria galega. Rego explicou que “Galiza é un país exportador de enerxía eléctrica, que soportou os custos sociais e soporta aínda os ambientais desa produción, polo que sería de xustiza que en compensación o territorio galego puidese regular o seu propio marco enerxético e que o custo fose menor para os consumidores e para a nosa industria”.
Outras das medidas que poderían paliar a situación e que o BNG reclama nesta PNL é activar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo realmente eficaz, un compromiso do Goberno español que aínda non cumpriu, que permitiría que factorías como Alcoa San Cibrao puidesen manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas.