BNG rexistra emendas para recuperar o proceso de participación pública nos proxectos eólicos

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego anuncia emendas ao RDL 6/2022 para eliminar os artigos 6 e 7 que modifican a tramitación dos parques entre 50 e 75 MW e eliminan a Declaración de impacto ambiental e a participación cidadá na tramitación dos parques eólicos. Aliás, e comprométese a levar ao Congreso unha nova regulación que dea máis garantías de protección ambiental, social e de retorno social

No relativo ao Real Decreto Lei 6/2022 polo que se abordaban as medidas frente á crise xerada pola suba descontrolada dos prezos, Rego salientou a estratexia “xa habitual” do PSOE para agochar medidas que “non teñen a ver co obxecto do Real Decreto”. Este é o caso do Capítulo III que, en dous artigos, modifica o procedemento de tramitación dos parques eólicos entre 50 e 75 MW para “suprimir a declaración de impacto ambiental e substituíla por un estudo que fagan as propias empresas e eliminar o proceso de participación social que implica a publicación dos proxectos, a exposición pública e un período de alegacións”.

“Frente a este boom eólico descontrolado ao servizo das grandes multinacionais e non ao servizo dos intereses sociais, o Goberno pretende que os cidadáns e cidadás xa non teñan sequera a oportunidade de protestar ou presentar as súas alegacións” afirma o deputado. Todo isto, baixo o pretexto de acurtar o procedemento e abaratar o prezo da luz. Rego sinala que para abaratar o prezo da luz é preciso modificar a regulación do sistema eléctrico, eliminar o sistema marxinalista “que é o que permite o roubo legalizado que fai que as empresas cobren toda a electricidade producida ao prezo do sistema de produción máis caro que, neste momento, é o gas aínda que a súa participación na xeración sexa moi pequena.

Rego lembrou que durante a negociación para a aprobación do RD, a organización nacionalista exixiu e conseguiu que o Goberno aceptara tramitalo como Proxecto de Lei e, consecuentemente, poida estar suxeito a modificacións. “O Goberno tamén se abriu á posibilidade a recuperar a declaración de impacto ambiental, mais nós o que queremos é que -como mínimo- se volte á situación anterior”, apunta o deputado.

Por iso Rego anunciou que o BNG rexistrou xa emendas para suprimir os artigos 6 e 7 dese decreto para garantir que existan os procedementos de exposición pública no relativo aos proxectos eólicos e as Declaracións de Impacto Ambiental. Para alén diso, o BNG comprométese a traballar para que haxa “unha nova regulación que dea máis garantías de protección ambiental, social e de retorno social dos proxectos que se presenten”. Pasar dun sistema de autorización administrativa a un sistema de concesión en que sexan as administracións públicas as que decidan onde e en que condicións se poden instalar os parques.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG