Parlamento Galego

BNG rexeita a Lei Exterior da Xunta por carecer de estratexia, proxección e impacto económico para Galiza

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará afirmou que  a “lei da acción exterior” é a lei da Xunta  e do seu presidente, un presidente  que deshonra o seu país cando  suspende a axenda institucional para asistir do ganchete coa ultradereita á manifestación de Colón

O BNG presentou unha emenda á totalidade  á lei reguladora de acción exterior, cooperación e desenvolvemento  por carecer de “estratexia, proxección e impacto económico para Galiza”, ademais de expresar “obediencia e submisión a Madrid” e concibir a norma para unha rexión, “non para unha nación ou nacionalidade histórica”.

O deputado do BNG, Luís Bará afirmou que a norma é a “lei exterior da Xunta e do seu presidente”, un  presidente, que “deshonra o seu país” cando suspende a axenda institucional para acudir de ganchete da ultradereita, á manifestación machista, clasista e antigalega, de Colón. Para esas viaxes exteriores, recalcou Bará  “non conten con nós”.

Na defensa da emenda á totalidade, o parlamentario do BNG cargou as tintas nas eivas da lei e avogou por un novo texto para convertela nunha “lei de país”, non dun territorio ou rexión. Neste sentido, reclamou unha lei de máximos e non unha lei “raquítica e sen ambición”. Unha lei que defina a Galiza no mundo e como queremos que nos vexan.

O BNG propón un acordo para  unha política exterior galega que recolla as relacións exteriores cun” maior rango institucional” definindo unha estratexia, planificación e prioridades, entre as que destacou crear a “marca de país”.

Ademais, defendeu instrumentos estables e dotados de medios como “ Delegacións no exterior” priorizando Madrid, Lisboa e Bruxelas e a  Formación nas universidades en Relacións exteriores e Diplomacia.

Intensificar as relacións con Portugal

Neste ámbito, propuxo a entrada de Galiza na Comunidade Países de Lingua Portuguesa (CPLP), crear o Observatorio da Lusofonía e desenvolver a Lei Paz Andrade para potenciar o ensino do portugués, espazos de cultura e comunicación así como intercambios educativos e de cooperación científica.

Asemade, o nacionalista considerou que a promoción exterior de Galiza tamén vai da man do deporte e para iso, dixo, precisamos “deportistas de elite e con marca de país”.

Bará insistiu nunha lei exterior que internacionalice a Galiza a través da cultura e neste ámbito contamos coa mellor embaixadora, Rosalía de Castro. Urxe crear o Instituto Rosalía de Castro de Promoción Exterior da Lingua e da Cultura Galega, aseverou Bará. 

O nacionalista tamén apostou por unha lei  que represente a Galiza como terra de acollida e de migración ao que sumou o  respecto aos dereitos humanos,   a diversidade cultural e lingüística,  establecer pontes coa “vella e nova diáspora” e crear unha Axencia Galega de Cooperación para o Desenvolvemento.

A emenda de devolución defendida polo BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG