parlamento galego

BNG rexeita a lei do Xogo do PP e cualifica o texto de “insuficiente e falta de ambición ”

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira insistiu na necesidade de abordar a prevención da ludopatía e criticou a excesiva oferta de xogo en Galiza en relación á demanda da poboación

Lamentou que o PP utilice a lei do xogo para cubrir expediente e non entre en aspectos relacionados coa saúde

 

Santiago de Compostela, 27 de  xuño, 2023. Pleno.- O BNG presentou 46 emendas á Lei do Xogo do Partido popular  e cualificou o texto de “pouco ambicioso e insuficiente”.

Na súa intervención, a deputada do BNG, Iria Carreira, lembrou as declaracións de Alfonso Rueda afirmando que  “o xogo non é un sector inocuo”, nin  simplemente unha fonte de dinamización económica. A xuízo da nacionalista, o xogo  é un sector que impacta socialmente e tamén  “fonte de patoloxía”,  ignorar esta cuestión, dixo,  é  “unha temeridade e  unha irresponsabilidade”.

O BNG votou en contra do texto lexislativo do PP por considerar que presenta importantes eivas como evidenciou o informe do propio Consello Económico e Social, cualificando o anteproxecto de lei “de escasa ambición e valentía, con medidas insuficientes e cunha limitación clara para enfrontar a problemática do xogo”.

Ademais de non ter en conta este informe, tampouco atendeu as demandas dos expertos, as ANPAS galegas e as asociacións de pacientes.  Para a deputada, esta lei só busca que o Partido popular “ obre o expediente” pero non pon freo “á expansión do xogo” en relación coa demanda real da poboación.

Iría carreira subliñou que o xogo conleva  importantes consecuencias sobre a saúde, a saúde mental e as persoas menores. O Partido Popular presenta un proxecto para regular os xogo, pero nós entendemos que máis aló da propia regulación do sector tamén hai que ter presente a súa influencia na sociedade, remarcou.

A deputada fixo fincapé en que  a propia consellería de Sanidade realizou alegacións ao anteproxecto de lei solicitando,  “a inclusión dunha mención a que a Administración implantará actividades preventivas e asistirá ás persoas con problemas de xogo, propuxo o control de acceso de prohibidos nas máquinas de apostas na hostalaría de xeito análogo ao que sucede coas máquinas de tabaco,  ea necesidade de prohibir a instalación de espazos de apostas en recintos deportivos e feirais pola alta presenza de menores”.

Todas estas  propostas da Consellería de Sanidade “ficaron en baleiro” de aí que dende o BNG presentaramos 46 emendas para mellorar o texto e atender os condicionantes do sector do xogo. Neste sentido, “apelamos a atender á saúde das persoas que xogan” ou que padecen algún tipo de patoloxía.

“Non entramos en cal ten que ser o mecanismo concreto, se a través do DI electrónico, se cos propios díxitos do DI, pero que se estabelecese algún tipo de sistema que impida a participación efectiva nos xogos de persoas menores de idade e de persoas que consten inscritas no Rexistro de prohibidos de acceso ao xogo de Galiza nas máquinas que están fóra dun local no que exista un control de acceso”. Tamén propuxemos regular e limitar a oferta de máquinas de apostas. Do mesmo xeito que se limita o número total de máquinas comecartos que pode haber na Galiza porque  “hai que  fixar un límite para as máquinas de apostas e a lei só se limita a cantidade que pode haber en bares e restaurantes”.

Por outra banda, incidiu en que permitir xogo de azar a menores é unha infracción   moi grave que resulta máis habitual neste sector  pero que Xunta sanciónaa coa menor multa posible.

A deputada concluíu a súa intervención recalcando que a  actividade de xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesaria unha regulación por parte da Administración para ofrecer  mecanismos que ofrezan seguridade ás persoas usuarias, garantan a protección das persoas menores de idade, e daquelas persoas que o precisen por motivos de saúde ademais de  velar pola orde pública e o desenvolvemento regular dos xogos evitando a fraude.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG