“No primeiro caso porque supón un auténtico atropelo ao regulamento e á participación democrática tanto dos grupos da oposición como das entidades sociais”, alegou, en referencia a decisión do PP de aplicar o seu rodillo parlamentario para “impoñer unha tramitación urxente e express cando se prevé un prazo mínimo de 15 días para o debate do texto lexislativo en trámite de ponencia”.
Ese déficit democrático na tramitación fixo que os populares “vetasen a participación de entidades sociais, ambientais e de conservación da natureza polo trámite de audiencia, tamén previsto no regulamento, cando podían achegar a súa visión para enriquecer e mellorar o texto, posibilidade cortada polo PP como denunciaron estas organizacións conservacionistas”, explica Bará.
En canto ao fondo da lei, o Bloque considera que “empeora á que xa existe,- a Lei de conservación da natureza de 2001-, pese a que nin foi desenvolvida nin se cumpriu, permitindo o deterioro e a degradación de numerosos espazos naturais e a mingua da diversidade polo desleixo e pola desatención do PP que non puxo os medios económicos necesarios”.
Unha carencia de medios que se mantén no novo texto, critica Bará, tras subliñar que os populares rexeitaron a proposta do Bloque de crear un fondo económico destinado á protección e á conservación da natureza e da biodiversidade.
Igualmente, o texto remitido polo Goberno de Feixóo “presenta eivas importantes como o feito de non ampliar a rede natura, con esixencias sen sentido como establecer unha superficie mínima para crear un parque natural que na practica supón impedir esta figura de protección”. Tampouco ten en conta o importante papel dos ríos, das rías e das zonas húmidas e non atende suficientemente ás especies ameazadas da fauna e da flora galegas.
“En lugar de protexer a natureza, nesta lei do goberno de Feixóo priman os intereses económicos e urbanísticos dos grandes lobbies como o forestal, enerxético ou mineiro, que están depredando o noso territorio e os espazos naturais protexidos, e non pon freo á perda de biodiversidade que é o gran problema que ten o país”, denunciou o deputado nacionalista.
“Parécenos que é unha lei cutre, mini, micro e regresiva que empeora á que existe a día de hoxe e suscita o rexeitamento das entidades ecoloxistas e conservacionistas”, concluíu.