A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, e a deputada nacionalista no Parlamento Galego, Carmela González, expresaron o total apoio do Bloque ás reclamacións expresadas por representantes da confraría de pesca de Baiona relacionadas co Regulamento de Control de Pesca da UE, así como á defensa da singularidade da frota de baixura galega, que debe permitir que quede excluído dese regulamento.
No encontro que as nacionalistas mantiveron con representantes da confraría de Baiona, -no que tamén participaron o portavoz municipal do BNG nesta localidade, Iago Pereira, e a concelleira Yasmina Moreira- a portavoz do Bloque en Bruxelas criticou que a poñente do informe de pesca da UE non consultara en ningún momento co sector sobre as obrigas da xeolocalización nas embarcacións de máis de catro metros, e a instalación de cámaras a bordo para controlar a obriga do desembarque das capturas.
“O BNG presentou, a través da nosa coalición na Eurocámara, diversas emendas reclamando a exclusión da frota artesanal, pero PP e PSOE votaron en contra, polo que é incomprensible que agora se boten as mans á cabeza”, denunciou Ana Miranda, quen xunto a Carmela González defendeu a necesidade de que Galiza exerza as súas competencias, idea na que coincidiron as representantes da confraría de Baiona. “Non entendemos o papel do goberno galego neste asunto que nos afecta tanto á pesca de baixura galega”, manifestaron ao respecto desde a confraría.
Imposibilidade de traballar
As nacionalistas sinalaron que a pesca de baixura e artesanal galegas é o sector pesqueiro máis vixiado e controlado de toda Europa, posto que a pesca artesanal está suxeita a cotas máximas de capturas, puntos de control e vixilancia dos bancos marisqueiros (xa que estes están delimitados por especie e son sometidos a controis científicos), Neste sentido, o BNG concorda coas confrarías galegas na idea de que “é totalmente innecesario aumentar os controis”. “Se metemos a tripulación nas embarcacións, os aparellos e todo o que nos esixen é imposible traballar”, denuncian desde a confraría.
Miranda e González, por outro lado, explicaron as diversas iniciativas defendidas non só na Eurocámara, senón tamén no Parlamento Galego. Precisamente na Cámara galega, a instancias do Bloque aprobouse de forma unánime a proposición non de lei que insta á Xunta a demandar do Estado español e da UE que a actividade marisqueira sexa excluída do novo Regulamento de Control comunitario.