BNG recrimínalle á Xunta que aínda non presentara un recurso xudicial á Unión Europea polo veto á pesca de arrastre

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Pérez alerta tamén do “demoledor impacto” que suporía para a flota galega sumarlle a este veto a pretensión da UE de restrinxir a comercialización da quenlla, da que Galiza aporta o 90% ao mercado europeo

BNG esixe á Xunta a presentación dun recurso xudicial á Unión Europea co obxectivo de reverter a prohibición da pesca de arrastre para a flota galega e a empraza, ademais, á Xunta e ao goberno central a actuar contra as intencións da UE de prohibir a comercialización da quenlla, da cal Galiza é a maior provedora no mercado europeo.

A portavoz de Pesca, Rosana Pérez, recriminoulle á Consellería do Mar a súa demora na presentación de accións “esenciais para protexer á xente do mar”, un sector que “vén de comprobar como “se despreza o seu papel por parte do PP”.  De feito, a deputada do BNG criticou aos Populares por “instalarse na inacción” malia anunciar aos medios de comunicación da presentación dunhas accións xudiciais das cales o Parlamento aínda non foi informado.

A Cámara, sinalou Pérez, xa aprobou dúas veces por unanimidade elevar iniciativas para combater esta inxusta decisión. “Temos o dereito de ser informados todos os grupos deste Parlamento se queremos remar no mesmo rumbo para defender o sector pesqueiro”, recriminou, e aproveitou para emprazar á Xunta a convocar “de xeito inmediato” o Consello Galego de Pesca.

A parlamentaria do Bloque reprobou ao Goberno do PP “que se instale na incoherencia e ande botando a culpa ás demais administracións, iso chámase actitude timorata”. Pérez lembroulle á Xunta “o seu deber” como Executivo dun País cunha das frotas pesqueiras máis potentes de Europa de “ir á cabeza” das reclamacións da xente do mar para protexer os seus empregos e un “sector esencial” para a economía galega, “independentemente do que faga o Goberno do Estado”, remarcou.

A ameaza da UE á pesca da quenlla azul

A deputada do BNG alertou tamén das intencións da Unión Europea de restrinxir a comercialización da quenlla azul baixo o argumento do seu parecido visual con especies de escuálidos protexidos. Esta prohibición tería un “demoledor impacto” para a frota galega e, apuntou Pérez, non se sustenta “en ningún informe ou avaliación científica, en ningún dos realizados indícase sobrepesca desta especie”, apuntou.

De feito, a prohibición da pesca desta especie está levando á “incerteza e a inquedanza” á frota de palangre en superficie xa que, remarcou a parlamentaria nacionalista, “Galiza aporta o 90% da produción europea de quenlla e entre o 60 e o 70% das capturas”. A flota galega, defendeu, conta con máis de 120 buques e arredor de 1000 tripulantes, cumpre co marco normativo e está sometida a uns estritos controis, polo que “non pode verse exposta a decisións sen evidencias científicas” porque, explicou, “de novo hai conflito entre o respecto ao medio ambiente e os tamén necesarios beneficios socioeconómicos”.

A parlamentaria do Bloque concluíu recriminando ao PP a súa “deixación en actuar ou sequera reclamar as competencias necesarias” e acusouno de “non mover un ápice pola xente do mar”. Ademais, emprazou á Xunta a “esgotar todas as vías posibles” para que estes ataques á frota galega sexan contestados en Europa.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG