A portavoz de Feminismo e Igualdade, Noa Presas, preguntoulle á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, se “vai escoitar os máis de 40 colectivos feministas que esta semana lle pediron, a través dun escrito, que recupere a Secretaría Xeral de Igualdade”.
Presas lamentou que, despois de case 20 anos dun “consenso de mínimos” das tres forzas políticas con representación parlamentaria en 2007, que cualificou de “pioneiro”, o PP “rachouno eliminando o que foi o maior rango institucional das políticas de igualdade, ao suprimir a Secretaría Xeral de Igualdade”. De igual xeito, reprochou ao Executivo que esta secretaría fose “relegada a dúas direccións xerais e sen unha dirección común, como se fosen compartimentos estancos”.
Durante a súa interpelación, a deputada nacionalista recoñeceu que asistiu ao Pleno “máis preocupada que nunca” ante un Partido Popular “disposto a romper os consensos galegos en materia de violencia machista”, o que, segundo recalcou, augura “un mandato que apunta mal”, cando “o problema máis importante para a vida das mulleres ocupou 15 segundos do señor Rueda na súa investidura”, ou cando “no Consello da Xunta incumpren a súa propia lei de igualdade, con menos dun 40% de presenza de mulleres”.
Presas tamén advertiu sobre a “axenda oculta do Partido Popular de Galiza, un Partido Popular que intenta disimular pero que comparte cada vez máis axenda cos seus socios da extrema dereita” e acusouno de “quitar a carauta”, cunha axenda contra a igualdade que busca “restar importancia á discriminación das mulleres como algo estrutural” e “diluír a especificidade” da violencia machista no discurso xeral da violencia e “como se non fose o elemento clave do control patriarcal e do sometemento das mulleres”, aclarou.
A portavoz de Feminismo alertou de igual xeito das consecuencias directas que ten a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade nas políticas de igualdade porque “se perde algo fundamental e estratéxico e ao que obriga a lei: a transversalidade”.
Esta situación de “arrinconar a violencia machista e a iguladade”, que Presas cualificou de “gravísima”, é para o BNG, “unha decisión de calado”, que o PP non se atreveu a poñer no programa electoral, nin a explicalo na investidura, nin tampouco a sometelo a consideración nos organismos de participación como o Consello Galego das Mulleres ou o Observatorio de Violencia porque”, segundo subliñou, “non ían ter nin unha soa voz a favor”.
Presas argumentou durante a súa interpelación á conselleira que “a foto que temos hoxe da violencia machista é aínda parcial pero incuestionable: 7.438 vítimas en Galiza en todo 2023 segundo os datos avanzados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza no primeiro trimestre de 2024,cun incremento do 7,6% respecto dos indicadores de 2022”.
Neste sentido, recordou algunhas das últimas vítimas de violencia machista en Galicia e asegurou que estes datos son só “a punta do iceberg” e demostran, segundo a deputada, que “é o problema máis importante para a vida das mulleres” e que, polo tanto,” deberá ser unha prioridade absoluta para o goberno galego”. Total “só somos a metade do País, só vai das nosas vidas”, ironizou.
En todo caso, a deputada nacionalista advertiu que, “como líderes da oposición, vainos ter diante denunciando cada retroceso e ofrecendo alternativas” e recordou de igual xeito á conselleira que “fóra, hai un feminismo forte e autoorganizado” que non permitirá nin un retroceso nas políticas de igualdade.