BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego o reforzo do cadro de persoal dos xulgados de primeira instancia e instrución números 2 e 3 de Ribeira e a creación dunha sala destinada á toma de declaracións e á práctica de actos de auxilio xudicial, así como a renovación do mobiliario deteriorado e o acondicionamento dun espazo reservado para a agarda das vítimas, nomeadamente de delitos de violencia machista.
Na defensa dunha proposición non de lei en comisión parlamentaria, o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, advertiu que, actualmente, o partido xudicial de Ribeira -con tres órganos xudiciais- ten un número de ingreso que supera o módulo máximo de referencia aprobado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e que, concretamente na sección civil, acumula máis de 1.600 asuntos pendentes de resolución, o dobre que en 2015, “cunha taxa de conxestión superior á media do resto dos partidos xudiciais da Coruña, Galiza e o Estado”.
Logo de reprochar ao Goberno do PP que, pese a esta realidade, “non teña a intención de crear un novo xulgado que atenda ás necesidades dunha poboación de máis de 55.000 habitantes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Boiro”, Tabarés defendeu medidas que, cando menos, “permitan mitigar os efectos da limitación de planta xudicial”.
Así, avogou por reforzar -como si acontece no número 1- o cadro de persoal dos xulgados números 2 e 3 e, neste sentido, recordou que este último ten atribuídas as competencias en materia de violencia sobre a muller, cunha carga de traballo adicional ao volume ingresado polo propio xulgado de instrución.
De igual xeito, defendeu a creación dunha sala para realizar videoconferencias nas que tomar declaracións no xulgado de garda e as solicitadas por auxilio, o que permitiría liberar unha das dúas salas dispoñibles para, segundo explicou, poder celebrar así audiencias e vistas e axilizar a tramitación dos procedementos que se seguen nos xulgados ribeirenses.
Por último, tamén considerou necesario acondicionar un espazo para sala de agarda das vítimas de violencia sobre a muller “que -subliñou- actualmente deben esperar á toma de declaración logo da denuncia en medio do xulgado, nunha zona de tránsito e sen intimidade algunha, no momento máis complicado do proceso”. Ao seu xuízo, esta problemática resulta facilmente solucionable dado que o edificio xudicial dispón de espazo suficiente para corrixir esta eiva. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.