Parlamento Galego

O BNG reclama á Xunta medidas de choque contra a pobreza e a exclusión social con dotación orzamentaria específica

Daniel Pérez
Daniel Pérez
O deputado Daniel Pérez advirte ao Goberno galego que debe actuar xa para evitar que o nivel de pobreza se agrave aínda máis pola crise da COVID19

“É perentoria a adopción de medidas por parte da Xunta na loita contra a pobreza e a exclusión social e son imprescindibles medidas de choque reais e acaídas á excepcional situación que vivimos como sociedade e como país”. Así o afirmou o deputado nacionalista, Daniel Pérez, ante a Comisión de Economía do Parlamento, na que reclamou ao Goberno galego que rectifique a súa política económica para evitar a consolidación da pobreza no país e que se agudice aínda máis polo impacto da COVID19.

Segundo explicou, os últimos indicadores -anteriores ao inicio da pandemia- xa alertaban de que a taxa de pobreza atinxía ao 24% da poboación e que, tal e como adiantaba en maio a ONG Igaxes, os efectos económicos e sociais derivados da actual situación epidemiolóxica “están a afectar especialmente á mocidade e ás persoas con contratos temporais, empurrando cara á pobreza a moitas familias vulnerábeis”.  

Pérez volveu reclamar á Xunta a elaboración dun estudo neste sentido para obter unha diagnose certeira sobre o impacto real que está a sufrir o país en termos de pobreza e exclusión social para poder así tomar as medidas específicas necesarias e dotalas das súas correspondentes partidas económicas nos vindeiros orzamentos galegos.  

O deputado pola Coruña criticou a falta de eficacia das políticas sociais desenvolvidas polo PP ao longo da última década e subliñou que é preciso combinar políticas de inclusión social a medio e longo prazo con medidas explícitas para grupos en situación de exclusión social. “E para isto é fundamental a dotación orzamentaria destinada, especificamente, a loitar contra a pobreza e a exclusión social”, subliñou.

Por último, Daniel Pérez lembrou ao Goberno galego que está obrigado a establecer os medios adecuados para abordar as situacións de emerxencia neste ámbito de actuación; situar a protección social como parte esencial da política económica, para o que, segundo recalcou, “é preciso xerar emprego de calidade”, e “poñer o crecemento económico ao servizo do desenvolvemento social e do benestar das persoas co obxectivo de acadar un modelo social xusto e equitativo”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG