O BNG esixe ao Goberno galego que implante de xeito urxente as medidas que precisa o sistema educativo galego ante a grave situación que está padecendo debido ao impacto da COVID19 porque “non soporta nin un minuto máis de bandazos e improvisacións”, advirte o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo.
Tendo en conta a evolución da pandemia entre a comunidade educativa, onde segundo advirte “na última semana os casos medraron un 50%, un crecemento moi superior que na sociedade en xeral”, Lourenzo reclama á Xunta que asuma a dotación universal de máscaras de protección de calidade para todo o alumnado e profesorado. Neste sentido, explica que os centros de ensino xa esgotaron as máscaras subministradas ao inicio de curso que, segundo subliña, “eran de ínfima calidade”, e vense agora na obriga de ter que financialas a través dos gastos de funcionamento propios.
Entre as medidas urxentes que precisa o sistema educativo, tamén sinala a articulación do plan de ensino a distancia -adiado polo Goberno galego en varias ocasións- con dotación de medios e profesorado, e alternativas para o profesorado con discapacidade auditiva e para as familias con enfermidades graves ás que en moitos casos se lles están abrindo expedientes de absentismo. “Isto último xa non é unha cuestión de xestión, é unha cuestión de humanidade e se queda algo de humanidade na Consellería de Educación, debe resolver esta situación de inmediato”, afirma.
O deputado nacionalista empraza á Xunta a que “faga xa os seus deberes” no ámbito educativo e alerta de que “a realidade dos centros educativos está ao límite do soportábel”, con máis dun cento de aulas pechadas e un millar de alumnas e alumnos enfermos (entre un 13 e un 14% do total de casos activos) que, “inducindo proporcións, supoñen milleiros en corentena”, afirma. “É hora de que a Xunta e a Consellería de Educación implemente todas as medidas que a comunidade educativa está a reclamar dende hai meses e cese dunha vez por todas da súa política de propaganda e o relato baleiro”, conclúe.