O BNG reclamou esta tarde ante o Pleno do Parlamento galego que a Xunta dote os centros de ensino do persoal necesario para atender as demandas da comunidade educativa ante a COVID19 no relativo á redución de ratios, a implementación de novos espazos académicos e a ampliación das distancias de seguridade.
Nunha moción defendida polo deputado Manuel Lourenzo, o Bloque pediu tamén a modificación do protocolo de adaptación ao contexto do coronavirus nos centros de ensino non universitario (en especial no relativo á dotación de recursos humanos, seguridade e financiamento dos materiais sanitarios) e o consenso coa comunidade educativa e cos axentes técnico-sanitarios do cambio do protocolo preventivo para o alumnado con necesidades educativas especiais.
De igual xeito, na iniciativa, que non prosperou polo veto do PP, tamén se demandou o cese da discriminación do alumnado de Educación Infantil e Primaria, para que poida contar coas mesmas medidas educativas que as establecidas para o de Ensino Secundario. Para as dúas primeiras etapas, Lourenzo solicitou así mesmo que o Goberno galego asuma os custos da limpeza e desinfección dos centros.
O portavoz parlamentario de Educación reclamou, por último, a adopción de medidas inmediatas que garantan a presencialidade do ensino naqueles centros que teñen imposto o réxime de semipresencialidade; información dos contaxios polas canles oficiais para que os equipos directivos e docentes poidan implementar as medidas de seguridade necesarias; e a atención ás demandas das ANPAS no relativo á cobertura xurídica e de responsabilidades e ao financiamento das actividades que están a desenvolver no contexto da pandemia.
Lourenzo subliñou na súa intervención que a Xunta “négase a escoitar as demandas da comunidade educativa” e advertiu que “vivimos tempos que esixen unha actitude moi distinta do PP”. “Son tempos de estar á altura, de acordos, de responsabilidade. Son tempos de escoitar”, concluíu.