BNG reclama trasladar ao Centro Oceanográfico de Vigo as sedes permanentes do IEO

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego denuncia como unha nova discriminación á Galiza a decisión do Goberno de non incluír o noso País no proceso de descentralización das sedes de pescarías e acuicultura “cando posúe a maior e mellor traxectoria acreditada neste campo”

A organización nacionalista volve solicitar a transferencia das competencias nesta materia despois do desmantelamento e o empeoramento das condicións dos centros xestionados polo Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, chama ao Goberno do Estado a rectificar a súa decisión, anunciada pola Ministra de Ciencia e Innovación, e acordar que as sedes permanentes de pescarías e acuicultura do Instituto Español de Oceanografía se trasladen ao Centro Oceanográfico de Vigo. A organización nacionalista demanda esta acción polo importante labor desenvolto no centro neses ámbitos ao longo do tempo e, ademais, porque reúne as mellores condicións técnicas e científicas para levar a cabo esta actividade.

A ministra de Ciencia e Innovación anunciou que o Instituto Español de Oceanografía (IEO) descentralizará as súas sedes das seccións de Pescarías e Acuicultura a Cantabria e Murcia. Esta decisión supón excluír a Galiza dese proceso de descentralización, “obviando de maneira arbitraria que é a primeira potencia pesqueira do Estado español, o magnífico labor das sedes do IEO na Coruña e Vigo e os seus máis que acreditados méritos para albergar as referidas sedes”.

“O de Vigo é o centro oceanográfico de maior tamaño de todos os do Estado. Traballan a redor dun cento de persoas que desenvolveron un gran esforzo investigador no ámbito pesqueiro e acuícola, convertendo a este centro no de maior traxectoria acreditada neste campo” explica o deputado nacionalista. Así mesmo, o Centro Oceanográfico de Vigo, en sinerxia co da Coruña e cos centros oceanográficos de Portugal, traballa man a man co sector pesqueiro e acuícola galego, de evidente relevancia en termos económicos e produtivos, garantindo unha pesca sustentábel e situando o sector do mar como un sector estratéxico para a economía e o emprego na Galiza.

De facto, enfatiza o deputado do BNG, moitas das melloras promovidas na xestión pesqueira en todo o mundo son resultado do traballo investigador desenvolvido polos científicos e científicas do Centro Oceanográfico de Vigo. “O Goberno ten que rectificar a decisión anunciada pola Ministra de Ciencia e Innovación e acordar que as sedes permanentes se trasladen ao Centro Oceanográfico de Vigo” reivindica Rego. Este centro, segundo apoian os datos, conta cun importante labor científico desenvolto neses ámbitos ao longo dos anos e por reunir as mellores condicións técnicas e científicas.

Alén do máis, Vigo é un importante polo de investigación no ámbito da pesca do que forman parte o propio centro xunto co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Bouzas, co futuro Campus do Mar e toda a investigación que se desenvolve nas distintas universidades e outras administracións galegas. “Esta circunstancia fai aínda máis idóneo o centro de Vigo para acoller a sede permanente de Pescarías e/ou Acuicultura do Instituto Español de Oceanografía” subliña.

“A reacción a esta decisión do Goberno do Estado está a ser unánime non só na cidade de Vigo senón en toda a Galiza. O rexeitamento a esta decisión por parte das distintas administracións e institucións- Xunta de Galiza,  Concello de Vigo, Porto de Vigo-, así como de todo o sector do mar e de toda a sociedade galega fan imperativo que o Goberno do Estado rectifique a decisión anunciada” afirma con contundencia Rego.

En opinión do deputado do BNG, cada decisión que toma o Ministerio de Ciencia e Innovación está a provocar que os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña sigan perdendo independencia operativa e peso relativo no conxunto da rede estatal de centros do IEO. “Xa en xullo de 2020, o Ministerio decidiu integrar o IEO dentro da estrutura da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), decisión que foi rexeitada tanto polas persoas que traballan nos centros oceanográficos galegos, como polo sector do mar” lembra.

“A realidade é que os problemas non se solucionaron e os centros galegos do CSIC seguen sen resolver as súas dificultades financeiras e seguen sen poder dispoñer do orzamento necesario para realizar os labores de mantemento dos edificios, nin para comprar material” denuncia Rego.

O deputado nacionalista lembra que o Parlamento  Galego xa acordou demandar a transferencia dos centros do IEO na Galiza á Xunta en tres ocasiones: marzo de 2016, maio de 2018 e a última en novembro de 2020, a instancias dunha proposición non de lei presentada na Comisión de Pesca da cámara galega polo Bloque Nacionalista Galego, que foi aprobada por unanimidade, en que se instaba a Xunta de Galiza a “comezar o procedemento para o traspaso de competencias e da totalidade da xestión económica e administrativa dos centros”.

Esta iniciativa tamén foi levada ao Congreso polo BNG, momento en que as distintas forzas de ámbito estatal que apoiaran a proposta na Galiza mudaron o seu sentido de voto e votaron en contra. Na actualidade, non se coñece ningunha acción levada a cabo nin polos gobernos galego nin español para proceder esa transferencia de competencias e, mentres, a situación dos centros oceanográficos galegos empeora día a día.

“Que a industria do mar teña centros de referencia en Galiza cos que traballar man a man como se está facendo na actualidade, é clave para promover os sectores pesqueiro e acuícola que deles depende e é fundamental para seguir traballando por unha pesca ssustentábel e con futuro na Galiza” conclúe o deputado do BNG.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG