O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado integre os traballadores e traballadoras do Servizo de Gardacostas da Galiza no Réxime Especial dos Traballadores do Mar. A organización nacionalista exixe aplicar os coeficientes redutores para este persoal e elaborar, en coordinación coa Xunta de Galiza, un informe sobre o índice de mortalidade e morbilidade que afecta as persoas deste oficio despois de anos traballando no servizo de gardacostas.
A Lei Xeral de Seguranza Social estabelece que a idade mínima exixida para ter dereito a pensión por xubilación pode ser modificada polo Ministerio de Seguranza Social a través de Real Decreto. De facto, a norma expón que se poderá reducir naqueles colectivos ou actividades profesionais cuxos postos de traballo sexan de carácter “excepcionalmente penoso, tóxico, perigoso ou insalubre e presenten altos índices de morbilidade ou mortalidade, sempre que os traballadores afectados acrediten na respectiva profesión ou traballo o mínimo de actividade que se estabeleza”.
Este tipo de modificacións require de estudos previos e a organización nacionalista demanda ao executivo estatal elaborar, en coordinación coa Xunta de Galiza, un informe sobre o “índice de mortalidade e morbilidade que afecta as persoas do servizo de gardacostas tras anos de traballo no mesmo”.
“Este colectivo de traballadores cumpre moitos dos requisitos estabelecidos na normativa e, entre as súas funcións, destaca a de inspección, prevención e corrección en materia de pesca marisqueo e acuicultura desde a súa primeira fase de produción e explotación até a fase de comercialización nas súas diversas formas” explica o deputado do BNG. Neste sentido, Rego tamén require integrar as escalas que desenvolven a súa actividade nos buques pertencentes ao Servizo de Gardacostas da Galiza no Réxime Especial dos Traballadores do Mar.
Este Servizo ten encomendadas funcións en materia de salvamento marítimo, vixiando o cumprimento das normas de seguridade e actuando en caso de accidentes, sinistros ou emerxencias de calquera tipo que se producen no ámbito marítimo e excepcionalmente noutros ámbitos, que requiren a súa colaboración e participación. Tamén lle corresponde a realización das actuacións necesarias en materia de loita contra a contaminación mariña accidental a través da prevención, detección, minoración e eliminación das verteduras ao mar, empregando os medios adecuados nestas actuacións.
Ademais, este Servizo “ten encomendadas tarefas de salvamento marítimo, labores que na nosa costa son, por desgraza, frecuentes, e para as que é necesario estar nunhas condicións físicas óptimas que non se teñen superada certa idade polo que se pon en perigo tanto á persoa que vai rescatar como a que ten que ser socorrida”. O deputado do BNG lembra que esta cuestión xa foi tratada xa en distintas ocasións no Parlamento da Galiza, “quedando demostrado que é un asunto que preocupa a todos os Grupos da Cámara que aprobaron xa con anterioridade iniciativas neste sentido, pero até o de agora non tiveron aínda o resultado esperado”.