O BNG reclama que a declaración BIC do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside inclúa Cerámica do Castro

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

A deputada Mercedes Queixas defende que se manteña o nome orixinal do museo e que o Laboratorio de Formas siga sendo parte activa na súa xestión   

A deputada do BNG Mercedes Queixas defenderá no Parlamento galego iniciativas para que o conxunto da Cerámica do Castro sexa incluído na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada, reaberto recentemente despois de varios anos pechado ao público. Instará así mesmo á Xunta a velar por que o Laboratorio de Formas sexa parte activa na xestión do museo e pedirá que sexa respectado o seu nome orixinal.

Queixas leva estas cuestións ao Parlamento tras a publicación no  Diario Oficial de Galiza do pasado día 11 de agosto da resolución de incoación para declarar BIC o museo, unha “boa nova” que chega para dar resposta, trece anos despois, a un acordo unánime na Cámara galega e despois de continuadas reclamacións de colectivos sociais e culturais e institucións como o Consello da Cultura Galega ou o Concello de Sada, lembra a deputada.

O BNG, subliña, tense sumado tamén en reiteradas ocasións a estas reclamacións por causa do deterioro progresivo do edificio e da consecuente afectación á colección museística única, un proceso de degradación “tan amplamente coñecido como o silencio desactivador do actual propietario maioritario conivente co do Goberno galego”, apunta Queixas, quen lamenta que “este desleixo comprometera a memoria da vangarda artística galega, recuperada da memoria do exilio, como proxecto cultural senlleiro xestado por dous referentes imprescindíbeis como Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.

Unha vez aberto o camiño da protección e conservación, xorden agora algúns interrogantes que afectan “á columna vertebral” deste proxecto museístico “que alumeou o nacemento do museo concibido por Seoane e Díaz Pardo en plena ditadura coa finalidade de tender unha ponte, a través das vangardas artísticas, coa Galiza anterior á Guerra Civil”, argumenta a deputada.

Un deses interrogantes, que Queixas exporá ao Goberno do PP  no Parlamento, é por que a resolución de incoación BIC modifica o nome orixinal do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside polo de Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside.

O Bloque preguntará tamén á Xunta por que non se inclúe na incoación da declaración BIC o conxunto da Cerámica do Castro, anexa ao museo e parte do mesmo proxecto, en consonancia co feito na declaración BIC da Fábrica de Cerámica de Sargadelos de Cervo. Defenderá, neste sentido, que sexa incluído, e tamén instará ao Goberno do PP a velar por que o Laboratorio de Formas sexa parte activa responsábel da xestión do museo, “como substrato e raíz histórica que é do amplo proxecto de industria cultural ao que deron vida Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo para recuperar a memoria, a tradición e a cultura popular galega”. 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG