Santiago de Compostela, 9 de xuño, 2021.Pleno.- A deputada do BNG, Noa Presas defendeu un modelo eólico, “xusto, galego e sostible” contrario ao modelo do Partido popular baseado na “imposición, depredación e espolio” e supeditado aos intereses das grandes empresas eléctricas.
Na interpelación ao conselleiro de Economia e Industria, Francisco Conde, a nacionalista lembrou a grande contestación social baixo o lema “Eólica así, non”, un berro contra a enerxía e un clamor contra a “política enerxética” do goberno galego.
A deputada pediu á Xunta que escoite á sociedade e “rectifique” e lembrou as mobilizacións no Courel,no Suído, na Groba, na Costa da Morte, tamén no Xurés, no Deza, nas Mariñas…reclamado un novo modelo eólico baseado “na planificación, o respecto e o diálogo”.
Presas lembrou que mesmo a xustiza xa se ten pronunciado con sentenzas como a de Sasdónigas ou do Iribio ás que sumou a oposición das organizacións agrarias, comunidades de montes, colectivos científicos e concellos, mesmo “do seu partido” do que vostede, Vicepresidente Segundo e conselleiro de Economía converteuse no “apaciguador de alcaldes”.
A súa lei do sector eólico de 2009, explicou foi modificada en nove ocasión, a última, unha modificación express en febreiro deste ano a través da Lei de Simplificación administrativa na que ademais se recrearon en montar “todo cando chiringuito podían” sen introducir nada sobre información a gobernos porque xa eran os campións da transparencia e agora, sacan da manga unha “rede provincial” advertindo aos alcaldes de que vai haber un proceso de exposición pública, un pouco raro non? ironizou a nacionalista.
Vai impulsar a Xunta de Galiza un novo modelo de enerxía eólica sustentábel, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación? reiterou, Presas.
Para o BNG, afirmou, é urxente esa rectificación porque outro modelo é posible e ten que estar asentado na planificación, a defensa dos intereses galegos e a participación pública e lembrou as recentes declaración do presidente de ADEGA cualificando o modelo da Xunta de “desplanificación” e da Asociación eólica galega como “isto é a selva”.
Finalmente, a parlamentaria suxeriu ao goberno tomar nota do “exemplo do concello de Muras”, gobernado polo BNG, no que a riqueza enerxética “reverte na veciñanza”.