O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, presentan a campaña da organización nacionalista para a mellora das infraestruturas e servizos ferroviarios na Galiza e na comarca de Compostela. A frente nacionalista demanda implantar o servizo de cercanías con traxectos específicos, frecuencias maiores e prezos menores, así como conexión ferroviaria en Santiago co resto de vilas e cidades do País para rematar coa discriminación histórica que sofre Galiza en materia ferroviaria.
Os cargos do BNG tamén estiveron acompañados, durante a presentación da campaña, de Beatriz Rei, voceira do BNG no Concello de Padrón, Reyes Abad, da Plataforma de Usuarias do Ferrocarril da comarca de Compostela, así como de militantes e simpatizantes da organización nacionalista.
“Conseguir que haxa unha articulación territorial por todo o País, que se recuperen as frecuencias e horarios que había antes da pandemia e, ao mesmo, conseguir un mellor servizo” salienta a voceira municipal do BNG de Santiago. Na actualidade, segundo explica Sanmartín, as frecuencias e horarios estabelecidas provocan que moitas persoas usuarias “acaben optando por outros medios de transporte ou pedindo reducións de xornada porque é imposíbel que cheguen a tempo pola incapacidade de chegar á Coruña ás 8 da mañá ou volver a Santiago despois de traballar”.
A maiores, Goretti Sanmartín reivindica a necesidade de que eses trens teñan paradas non só nas cidades, senón tamén nas vilas e un tren que permita compatibilizar o uso dese medio de transporte con outros de carácter individual como a bicicleta. “Queremos que non teñan que pagar un suplemento por ese transporte e que se faga todo o esforzo posíbel para que se poidan levar o maior número de bicicletas no tren” defende a portavoz municipal do BNG.
Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso reclama unha mellora das infraestruturas e dos servizos ferroviarios na Galiza, unha prioridade para a organización nacionalista que e que tamén “debe selo das políticas públicas”. Rego salienta que as administracións públicas deben realizar o esforzo principal, para lograr unha transición ecolóxica verdadeiramente xusta, na promoción do transporte público como o ferrocarril, en detrimento dos vehículos particulares. “Temos claro que o ferrocarril é o modo de mobilidade do futuro porque é eficaz, eficiente, sustentábel e non contaminante” reivindica Rego.
Pola contra, explicou que no caso da Galiza estase a actuar de maneira totalmente contraria: “estanse perdendo servizos, deteriorando as condicións de uso do ferrocarril”. Rego exemplifica este deterioro dos servizos ferroviarios co tren con saída de Ourense a primeira hora da mañá suprimido por mor da pandemia e que aínda non foi recuperado neste momento. “É imprescindíbel recuperar todos os servizos suprimidos mais tamén é necesario aumentar as frecuencias para que o ferrocarril se poida axustar á mobilidade obrigada por motivos laborais ou de estudo” salienta.
“Estamos a falar de baixar as tarifas dos servizos ferroviarios- reivindicación que o BNG levou ás institucións e recibiu o apoio do resto de grupos- mentres o PSOE, con competencias nesta materia, non fai nada” destaca Rego. Pon o exemplo do prezo do billete nunha viaxe de ida Ourense-Santiago de Compostela, de case 18 euros, que supón un custo maior que empregar o vehículo particular.
Para o deputado do BNG “é incomprensíbel” que Galiza non posúa en pleno século XXI o chamado servizo de cercanías. “Non é unha cuestión de número de poboación, pretender facer pasar servizos de media distancia por servizos de proximidade é pretender tomar o pelo á xente. Todos sabemos que estes servizos implican traxectos específicos, frecuencias maiores e prezos menores” destaca Rego. Demanda a implantación deste servizo na comarca de Compostela, dunha banda, conexión con Padrón e doutra con Ordes.
Ademais da pandemia, os servizos ferroviarios prestados en Santiago para conectar con diferentes puntos do País- como Pontevedra, Coruña, Vigo ou Ourense- víronse diminuídos coa posta en funcionamento do AVE que conecta con Madrid. “Non pode ser que, porque se poña en marcha este servizo, empeoren o resto de servizos. Para nós a prioridade é a articulación interna do País por medio da rede de ferrocarril” reivindica Rego.
“Estamos reclamando a través de mobilizacións sociais, recollida de sinaturas e con iniciativas nas cámaras é a mellora das infraestruturas ferroviarias, hai que lembrar a liña A Coruña-Lugo con máis de 100 anos sen modernizar ou completar a conexión de pouco máis de 20 quilómetros para conectar a cidade de Santiago con Lugo, coa conexión Ordes-Curtis” exemplifica.