O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para que a Dirección Xeral da Mariña Mercante elabore unha mensaxe- alertar rápida- que sexa radiada de maneira continua como un aviso para os navegantes. A organización nacionalista quere dar cumprimento ao Regulamento de Comunicacións Marítimas de 2006 para activar a emisión de alertas de socorro. Así mesmo, Rego reclama pór en marcha unha campaña de concienciación dirixida a patróns e mariñeiros dos barcos galego sobre os perigo de navegación e a súa prevención.
O terríbel suceso do “Vila de Pitanxo” hai un mes en Terranova trouxo consigo o debate sobre a aplicación durante a navegación de todas as medidas de seguridade existentes e as que se deberían implantar nos diferentes barcos que faenan. Porén, unha desas medidas, segundo manifestou o propio responsábel de Salvamento Marítimo sorprendentemente “non é habitual nin necesario aplicar, como, por exemplo, transmitir o formato da mensaxe de alerta de socorro”, cando o Regulamento si que o estabelece.
“O propio Regulamento que regula a comunicación marítima define a alerta de socorro como unha chamada selectiva dixital, con formato de chamada de socorro” explica o deputado do BNG. Rego entende que a propia Dirección Xeral da Mariña Mercante ten que elaborar unha mensaxe de alerta rápida para que poida ser radiada de forma continua como ‘aviso aos navegantes’. Isto daría cumprimento do Regulamento de Comunicacións Marítimas do ano 2006 “para a activación e emisión das alertas de socorro en chamada selectiva dixital en función da zona marítima na que faenen ou naveguen”.
Así mesmo, a organización nacionalista propón que se poña en marcha “unha campaña de concienciación dirixida aos patróns e mariñeiros dos buques galegos sobre os perigos da navegación e a súa prevención”. Rego lembrou que a propia CIAIM xa recomendara en 2005, co naufraxio do pesqueiro ‘Ou Baía’, na contorna das Illas Sisargas, na Costa da Morte, realizar este tipo de campañas sobre os perigos de navegación con mar de popa ou de aleta, “incidindo especialmente nos factores externos que orixinan situacións de redución da estabilidade, de aumento da escora e de acometidas de grandes ondas”.
“O obxectivo de toda investigación de sinistros marítimos é tratar de evitar sinistros análogos no futuro e as distintas administracións deben ser as primeiras en tomar boa nota, non só da lexislación e da súa correcta aplicación, senón tamén das recomendacións dos organismos investigadores” reivindica Rego.
No mundo do mar, as comunicacións poden marcar a seguridade dun buque, a da súa carga e, o que é máis importante, a dos seus tripulantes. A pesar disto, as comunicacións en xeral, protocolos, sistemas, servizos, actuacións e mesmo as responsabilidades, dereitos e deberes son unha materia que as propias administracións deberían poñer o máximo empeño en explicalas a todas as persoas responsábeis dos barcos que faenan, precisamente para que se apliquen, durante a actividade pesqueira, todas as medidas.