O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar para reclamar ao Ministerio de Transportes a inclusión da Galiza, así como o conxunto do noroeste da Península no mapa das futuras autoestradas ferroviarias.
Critica Néstor Rego a ausencia do territorio nas previsións de inversión necesarias para a adaptación das vías ferroviarias que permita convertelas en autoestradas ferroviarias e permitir así un transporte intermodal de vital importancia para o transporte de mercadorías sustentábel dado “o déficit que temos no transporte ferroviario e o predominio do transporte por estrada”.
“Adif pon escusas de mal pagador”
Censura Rego as “escusas de mal pagador de Adif quen alega a falta de propostas por parte de operadores loxísticos ou axentes empresariais. Consideramos que no eido de mellora e adaptación das infraestruturas esenciais é responsabilidade do Ministerio incentivar, promover e deseñar a iniciativa propia una mapa de autoestradas ferroviarias que integre todos os territorios, especialmente aqueles que, como a Galiza, teñen unha destacada actividade económica e industrial que depende do transporte terrestre en grande medida”.
O deputado do BNG lembra que o ente de infraestruturas ferroviarias puxo en marcha hai un ano unha Oficina de Apoio e Asesoramento destinada ao impulso das Autoestradas Ferroviarias, e no marco da Estratexia de Movilidade Segura, Sustentábel e Conectada 2030. Despois dun ano de marxe, “observamos que a área noroeste continúa excluída das previsións de inversión para adaptar as estruturas ferroviarias”.
“Non pode ser Adif un mero receptor de propostas, ten que ter unha posición pro activa”
Para o BNG “Adif limítase a ser un mero receptor de propostas cando debería ter un papel máis pro activo e garantir que o mapa de autoestradas ferroviarias teña un deseño integral, que alcance a todas as principais áreas de actividade. Non se entenden as proclamas de loita contra o Cambio Climático do Goberno, o seu compromiso cos obxectivos ODS e de redución de emisións, cando na práctica discrimina territorios dun deseño do transporte ferroviario de mercadorías que permitiría vehículos pesados da estrada, contribuíndo á un transporte máis sustentábel”.
Néstor Rego apela a Adif e o Ministerio de Transportes a adoptar un papel de promotor destas importantes infraestruturas “en lugar de limitarse a agardar propostas de operadores ou do sector empresarial. É a súa responsabilidade atender ás necesidades de transporte dos sectores económicos e tratar de dinamizar os territorios carentes de tren de mercadorías”. Neste sentido, reclama ao Goberno que revise o deseño e inclúa a Galiza e o noroeste.