O BNG reclamou hoxe ao Parlamento galego que inste á Xunta a desenvolver, e remitir á cámara nun prazo máximo dun mes, un estudo completo sobre o impacto da pobreza e o risco de exclusión social na economía galega, co obxectivo de poder establecer medidas específicas de actuación, acordadas cos axentes sociais, e dotalas das correspondentes partidas nos próximos orzamentos galegos.
A proposición non de lei defendida polo deputado Daniel Pérez na Comisión de Economía, e que non prosperou polo veto do PP, alerta sobre a evolución negativa dos datos froito dos sucesivos gobernos do PP e que se ve agravada agora polo impacto do coronavirus.
Neste sentido, o deputado advertiu de que o número de persoas en situación de exclusión social alcanza xa a 470.000 persoas (o 17,4% da poboación), das que máis da metade se atopa en risco severo, segundo o informe FOESSA. Outros informes de referencia como “O Estado da Pobreza” publicado pola Rede Galega contra a Pobreza (EAPN) ou os sucesivos estudos e datos do IGE veñen a confirmar unha tendencia certamente preocupante.
“O lóxico é que o estudo xa estivera feito para poder artellar as políticas e medidas precisas e contabamos con que así nolo confirmaran”, reflexionou o deputado do Bloque, logo de subliñar a necesidade de contar con este instrumento para deseñar as medidas correctoras necesarias, impulsar a igualdade e a cohesión social e avaliar e intervir nas consecuencias que esta situación ten na economía galega. “Máis aínda tendo en conta a afectación da crise da COVID19 en termos laborais e económicos, a previsión de impacto sobre o PIB e a posibilidade de agravarse con posibles novos gromos”, concluíu.