BNG reclama a comercialización no marraxo dientuso

Encontro pesca
Encontro pesca
Rego e Castro manteñen unha xuntanza con armadores mariñaos en Burela na que trataron a necesidade permitir comercializar o marraxo que foi pescado legalmente no 2020 e que agora o MITECO non deixa vender.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo unha xuntanza con armadores da comarca da Mariña para escoitar as problemáticas do sector e, en concreto, a imposibilidade de comercializar o marraxo capturado. Á xuntanza tamén acudiu o deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, e a responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida. A formación nacionalista coincide na xustiza das reclamacións do sector para que o Ministerio autorice a comercialización do marraxo dientuso capturado legalmente no 2020, máis, despois de terse coñecido a postura favorábel da Comisión Europea á venda das toneladas xa almacenadas que, como é lóxico, non afectaría á recuperación da especie.

O BNG xa ten rexistrado diversas iniciativas que apoian esta reclamación do sector e agora as institucións europeas tamén amosan a súa coincidencia. “A Comisión Europea móstrase favorábel a que se poidan vender as toneladas da especie almacenada pola frota galega pescadas legalmente” enfatizou o deputado do BNG no Congreso. Así mesmo, ampliou a información apuntando que o organismo europeo “considera que a prohibición de venda e retención total provoca un quebranto económico para a frota e, porén, non ten demostrado beneficios ambientais”.

Segundo apuntaron os palangreiros mariñaos, a día de hoxe non hai pesca dirixida de marraxo “mais moitas veces non se pode evitar a súa captura de maneira accidental” posto que durante a pesca doutras especies é habitual que aparezan exemplares mortos de marraxo dientuso.

“É urxente que se permita tanto a comercialización do marraxo capturado en 2020 como a venda dos exemplares da especie que se recollan de maneira accidental durante a actividade pesqueira” sinala Rego. De non ser así e seguir mantendo o veto á comercialización, o MITECO provocará “unha perda económica na frota galega, pondo ao sector pesqueiro nunha situación límite, nun momento en que precisan xa non só ter ventas se non comercializar todas as toneladas de marraxo que capturaron legalmente en 2020 e que están ocupando espazo no conxeladores”, e neste sentido anunciou novas iniciativas para urxir ao Goberno a autorizar a venda de marraxo.

Na última resposta remitida desde o Ministerio a instancia do deputado do BNG, Néstor Rego, recóllese que ningún dos Estados membros ten autorizada a importación e exportación de marraxo, afirmación que os armadores afirman é totalmente falsa, pois nas lonxas galegas desembárcase marraxo de buques portugueses por exemplo, que si é comercializado, mentres se mantén a prohibición para os barcos galegos.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG