O BNG, tendo en conta os últimos estudos realizados sobre a sardiña que indican a total recuperación da pescaría, reclama aumentar a cota a disposición da frota do cerco e a eliminación de cotas para a arte artesanal do Xeito, garantindo así a viabilidade e mantemento da actividade do sector.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada do Parlamento galego, Montse Prado, reuníronse estas semanas con diferentes representantes do sector da pesca galega como a Asociación de Armadores de Cerco de Galiza (ACERGA) e co sector do Xeito para escoitar as súas reivindicacións e trasladalas ao Congreso a través de iniciativas parlamentarias.
O sector da pesca do cerco da Galiza trasladoulle aos representantes do BNG o seu descontento polo reparto das cotas para as diferentes especies, concretamente no referente ás cotas da sardiña que fai a Administración central en Madrid, a través da Secretaria Xeneral de Pesca. O deputado Néstor Rego salientou que “no reparto das cotas, unha vez mais a frota galega segue a ser a gran prexudicada, sendo os barcos galegos os que menos reciben”.
Por outra parte, o BNG ve necesario a eliminación das cotas para a frota artesanal do Xeito. A deputada Montse Prado explicou que “esta arte de pesca é substentábel e non supón ningún impacto significativo sobre o stock de sardiñas nin ameza a recuperación da especie”. Os representantes do sector denunciaron ademais de que o feito de que as cotas sexan diarias e non acumulativas, a parte de seren moi baixas, supón un problema engadido.
Unha das constantes reivindicacións do sector que salientou Montse Prado, “é o prezo de retirada, que xa hai tempo que funciona en Euskadi”. A deputada nacionalista enfatizou que “isto non é outra cousa que lle por un prezo mínimo ao peixe cando se vai facer a súa poxa na lonxa, para que non ocorra o que está a acontecer actualmente co caída dos prezos, facendo á nosa frota non lle sexa rendíbel saír a faenar”.