Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a reconsiderar a postura adoptada polo Goberno do Estado no relativo a retención, desembarco e venda de exemplares de marraxo tras facerse pública a posición da Comisión Europea que recomenda a comercialización das capturas almacenadas de marraxo. Este cambio de política pesqueira beneficiaría ao sector palangreiro da Galiza, pois daría saída ás toneladas pescadas de forma legal durante o 2020.
A formación nacionalista xa reclamou ao MITECO mudar a proposta de capturas cero e, seguindo os seus propios informes técnicos e as recomendacións dos organismos internacionais, manter un tope de capturas que permita a recuperación da especia mais que dea saída ás capturas accidentais de marraxo nas liñas de palangre.
Agora, a Comisión Europea fixo pública a súa postura favorábel a permitir a venda da especie fronte ao veto total imposto polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Desta maneira, o organismo europeo apoia os intereses da frota de palangre da Galiza e o posicionamento que defendeu desde o comezo o BNG.
“A Comisión considera que a prohibición de venda e retención total provoca un quebranto económico para a frota e non ten demostrado beneficios ambientais” explica o deputado do BNG no Congreso. Así mesmo, Néstor Rego aclara que “na actualidade non hai pesca dirixida de marraxo mais non se pode evitar a súa captura accidental, como consecuencia da pesca de especies como o peixe espada ou o atún e é habitual que durante a actividade aparezan exemplares mortos de marraxo”.
Alén do máis, para a formación nacionalista o Ministerio de Transición Ecolóxica ten que cambiar a súa posición e permitir a comercialización da especie capturada legalmente pola frota en 2020. “É urxente que se permita a comercializacións das toneladas de marraxo almacenadas nas cámaras frigoríficas e evitaríanse así, os descartes en liña mentres que se respectaría a actual Política Pesqueira Común” afirma o deputado nacionalista.
De seguir mantendo o veto á comercialización o Ministerio provocará de forma consciente un grave quebranto económico á frota galega, sen lograr a cambio beneficio ambiental algún, pois o peixe conxelado foi pescado respectando a normativa, e a propia Comisión considera perfectamente encadrábel na política pesqueira común reter e comercializar os exemplares que chegan mortos, “se non rectifica o Goberno fará perigar a viabilidade económica da actividade e porá a moitos armadores e patróns nunha situación límite” subliña Rego.