BNG proporá no vindeiro pleno un Plan para a transformación e modernización de Galiza baseado na enerxía, o sistema financeiro e o coñecemento

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Lamenta o veto do PP á comparecencia do  conselleiro de Sanidade para explicar a recuperación do ritmo asistencial e situar as listas de espera en niveis previos á pandemia, solicitada polo BNG

A crise de prezos e a inflación será de novo o centro das iniciativas do BNG no vindeiro pleno do Parlamento galego. A viceportavoz do grupo parlamentario, Olalla Rodil, avanzou que o BNG defenderá “un Plan de transformación e modernización de Galiza baseado na enerxía, o sistema financeiro e o coñecemento”.

Entre as medidas do Plan subliñou: un Mapa de ordenación das enerxías renovables, singularmente, eólica e fotovoltaica consensuando e planificando os obxectivos, a creación “dun Ente Público de enerxía e dun Instituto de Crédito como entidade pública empresarial” ao que sumou a creación do INNOGAL para “reter talento” e promover o I+D+i.

Nesta liña, engadiu que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao  presidente da Xunta  como valora que a inflación en Galiza sexa máis alta que a media do Estado, cun  incremento dos prezos, “ no mes de abril por riba do 10%”,  cifra que non se vía desde hai case 40 anos en nun país “coas pensións e salarios máis baixos”.

Rodil explicou que levamos  “sufrindo esta escalada brutal de prezos desde mediados de 2021 especialmente pola suba da luz” agravada polo impacto da pandemia na economía, as consecuencias de problemas estruturais que arrastramos en Galiza desde hai anos e a  invasión de Ucraína.

A viceportavoz do BNG lamentou o veto do Partido popular á solicitude para que comparecerá o Conselleiro de Sanidade e explicara as medidas que vai adoptar a Xunta co fin de  garantir a recuperación inmediata do ritmo asistencial no noso país. “O xerente do SERGAS situaba en 2023 (dentro dun ano) situar as listas de espera en Galiza en niveis previos á pandemia” e isto constata, a xuízo da nacionalista,  “que non se están a poñer os recursos e medios necesarios para garantir a máxima celeridade na atención sanitaria. “ Unha merma-dixo- no dereito á saúde das galegas e galegos”.

Contratos sanitarios galegos vinculados á familia de Díaz Ayuso

No ámbito sanitario imos defender unha Proposición non de lei para elaborar  “unha Auditoría externa” nos contratos negociados sen publicidade, realizados pola vía de urxencia, pola Consellaría de Sanidade coa empresa Prhoinsa, Proxectos hospitalarios Internacional, desde o inicio da pandemia pola Covid 19 até a actualidade.

Esta empresa, afirmou Rodil, está  vinculada á familia da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso e  seguiu  un procedemento idéntico ao que tivo lugar alí. Tendo en conta todo o que se está a coñecer estes días, e de como persoas vinculadas ao PP de Madrid aproveitaron a pandemia para facer negocio, “queremos luz e taquígrafos sobre esta cuestión aquí en Galiza”.

Entre os asuntos que irán ao vindeiro pleno, a deputada tamén aludiu á proposta do BNG  sobre a  “declaración institucional”  co apoio de todas as forzas do parlamento galego co fin de  reclamar ao goberno español “unha rectificación” e  situar a sede do IEO, de maneira permanente, en Vigo.

“A cidade de Vigo, e Galiza no seu conxunto, conta con experiencia e un excelente traballo en materia de investigación pesqueira e acuícola, demostrada durante anos polo Centro Oceanográfico”.A exclusión de Galiza, e concretamente de Vigo, do mapa non se xustifica  e desde o BNG queremos que “a voz unánime do Parlamento se sume á do sector do mar para reclamar que a sede permanente do IEO veña para o país”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG