O BNG propón unha Tarifa Eléctrica Galega, o IVE do 4% e nacionalizar encoros para baixar a factura da luz

Ana Pontón
Ana Pontón

“Se a luz sube é porque os gobernos queren”, declara Pontón, cunha normativa que penaliza ás persoas e permite ás eléctricas ganar 5.600 millóns de euros

Anuncia unha campaña social contra a “vergoñenta escalada de prezos” e denuncia que Galiza pagará máis pese a ser produtora neta de enerxía

O BNG considera un escándalo e unha estafa a  “vergoñenta escalada de prezos” da factura da luz, que sigue asfixiando a familias e lastrando a competitividade das empresas mentres o lobby eléctrico continúa incrementando os seus millonarios beneficios, 5.600 millóns de euros en 2017.

No caso de Galiza engádese a discriminación que supón non obter beneficio algún pese a ser produtora de enerxía e, lonxe de obter un beneficio colectivo, provoca prexuízos ambientais e sociais con disparates como a pobreza enerxética que sofren 190.000 persoas nun país que exporta electricidade a esgalla.

“Hai que falar claro, a luz sube porque os gobernos queren”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, “que teñamos un dos prezos da electricidade máis altos e por unha lexislación feita a medida das empresas eléctricas”. Para poñer coto a esta estafa, a dirixente do Bloque avanzou unha batería de propostas que defenderá no Parlamento e que trasladará tamén a cidadanía galega a través dunha campaña social.

En primeiro lugar, unha tarifa eléctrica galega que lle permita as empresas e as familias beneficiarse da riqueza enerxética do país, unha tarifa diferenciada que xa existe en países como Reino Unido, Suíza ou Alemaña, e que no Estado español ten Euskadi para as súas empresas. Esta medida permitiría un aforro medio de 200€ na factura da luz ás familias.

“O Goberno español decidiu baixar o IVE das touradas ao 10% e Canarias por decisión gobernamental ten o IVE do 3% para a electricidade”, alegou Pontón. Este tipo de IVE suporía un aforro de 120€ mensuais segundo as asociacións de consumidores. En total, ambas medidas suporían un alivio de 330€ anuais na factura eléctrica das familias galegas.

As propostas avanzadas por Pontón tamén inclúen a creación dunha empresa pública que asuma as presas hidroeléctricas en concas da súa competencia que teñan finalizada a concesión e proceda a unha distribución competitiva desa enerxía. Ademais, o Bloque demanda modificar a lexislación actual para impedir tanto os cortes de luz como de gas por tratarse de bens de primeira necesidade, e reclama impugnar a Lei 24/2013 do Sector Eléctrico “porque consolida un modelo que vai contra os consumidores e contra os intereses de Galiza”.

Suplemento territorial, novo espolio

Pontón considera urxente avanzar nun tema de tanta repercusión social e económica e advirte contra unha nova discriminación que suporía converter Galiza no territorio que paga a factura da luz máis cara do Estado. Trátase da orde ministerial que prepara o Executivo central que inclúe o denominado “suplemento territorial” da tarifa eléctrica que lle corresponde pagar a cada comunidade autónoma.

“Este país pagaría o 34% do total dese suplemento mentres que Madrid só o 2%, porque o Goberno español penaliza a quen produce e beneficia a quen consume”, explicou, “non podemos asumir esta estafa e este espolio, temos dereito a que a riqueza do país reverta sobre o pobo galego”, salientou Pontón.

“Por iso facemos este paquete de propostas para poñer freo a esta estafa da escalada do prezo da luz, conseguiriamos abaratar no curto prazo a factura eléctrica en 330 euros ao ano para as familias. Se a luz sube é pola pasividade dos gobernos e non imos quedar cos brazos cruzados ante unha lexislación feita polo lobby eléctrico pero que é unha estafa para a cidadanía”, concluíu.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG