parlamento galego

BNG propón situar no 3% o orzamento para 2025 en I+D+i e apostar por unha carreira investigadora completa

Olalla Rodil
Olalla Rodil
A deputada Olalla Rodil acusa o Executivo de Rueda de  deixar de sen executar nos últimos 15 anos case 212 M€, o 30 % do diñeiro presupostado

A viceportazoz do BNG, Olalla Rodil defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para incrementar o investimento en I+D+i para 2025  ata chegar ao 3 % e apostar por unha carreira investigadora completa, desde a formación á consolidación, para todo o persoal científico-técnico que desenvolve a súa actividade nos organismos e centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos de Galiza.

O PP votou en contra.

Na súa exposición no Pleno deste mércores, Rodil advertiu que Galiza sitúa o investimento en I+D+i no 1,1 %, moi lonxe da media do Estado, (1,4 %) e “a anos luz” do 2,5 % da media europea.  Sumando todo o investimento da Xunta nesta materia, que está dividido en cinco consellerías, este sitúase en 343,73 M€, o que supón apenas o 2 % do total do orzamento.

Afondando nestes datos, a deputada nacionalista advertiu que “non é ouro todo o que reloce” xa que se recortaron 48 millóns de euros nos orzamentos da Axencia Galega de Innovación (en 2024 había 167 e para 2025, contémplanse 119 M€), 2 millóns na investigación dependente da consellería do Mar (6,9 en 2024 e 4,7M€ previstos para 2025) ou tres millóns na investigación sanitaria, pasando dos 26,3 millóns de euros en 2024 aos 23,2 M€ orzados para 2025).

Á parte dos recortes por parte do Executivo de Rueda, Rodil advirte dos case 212 millóns de euros do plan galego de investigación que o Goberno do PP deixou sen executar entre o ano 2009 e o 2023, o 30 % do diñeiro presupostado, “nun sector económico esencial para o futuro económico deste País”, lamentou.

É por iso que o BNG propón que 3 de cada 100 euros en 2025 vaian destinados á xeración de coñecemento, co obxectivo de fortalecer a quen o produce, tendo en conta que o 70 % se xera no sistema universitario galego, principal motor da I+D en Galiza.

Rodil afirmou que “sen ciencia non hai futuro, e no BNG temos claro que o coñecemento é un sector produtivo máis e, como tal, é tamén a panca coa que desenvolver e modernizar os sectores produtivos e económicos galegos, os tradicionais e outros emerxentes nos que somos xa vangarda, como a biomedicina, xunto con aqueles nos que temos potencial para medrar”, manifestou, para advertir que “sen persoal investigador non hai ciencia” porque o coñecemento “non aparece da nada”.

Unha carreira de obstáculos

Neste punto, Rodil quixo salientar na segunda proposta do BNG, a aposta polo “máis valioso que ten o ecosistema investigador galego, as persoas”.

O BNG, na proposición non de lei, pedía a definición dunha carreira investigadora completa, que garanta estabilidade ao persoal e sobre todo un horizonte profesional a quen quere desenvolver os seus proxectos en Galiza, xa sexa talento formado aquí ou captado de fóra, así como crear camiños de volta para quen tivo que marchar.

“A carreira investigadora galega é a día de hoxe unha carreira de obstáculos que en moitos casos nin sequera te leva a ningún lado”, sinalou porque “Galiza carece dunha carreira completa, especialmente na última etapa de consolidación”, apuntou.

Na súa réplica, Rodil respondeulle ao PP que “crer que a ciencia e a investigación e que a xeración do coñecemento emana das empresas é, ou non saber de que estamos falando ou non querer falar da cuestión”, afeou, para recordarlle que as competencias en I+D “as levaron para a consellería de Educación e Universidades porque -subliñou- o gran motor na xeración de coñecemento é o sistema universitario público galego”.

“Precisamos un compromiso real e firme desde o ámbito público e situar o orzamento á altura da importancia que un sector estratéxico para o desenvolvemento social e económico de Galiza ten, igual que o é o sector da automoción ou o sector naval”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG