parlamento galego

BNG propón unha saída para garantir a viabilidade e emprego da empresa IROSA-SAMACA e o PP vota en contra da iniciativa

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas reprobou que o Partido popular “rachara os consensos” de nove alcaldías da comarca de Valdeorras e  Deputación de Ourense

Denunciou que a Xunta non exerce as súas competencias en industria, minería e Autoridade laboral porque permanece a espera de que a empresa “peche a persiana” o día 29 de novembro

A deputada do BNG, Noa Presas lamentou que o Partido popular vetara a proposta do BNG para  instar á Xunta de Galicia a iniciar accións para o  mantemento do emprego na empresa Irosa-Samaca, polo seu impacto  socio-económico para a comarca de Valdeorras, e constituír unha mesa de traballo con todas as partes implicadas para garantir o mantemento da actividade industrial.

Tras a intervención do portavoz popular, Adrián Pardo López que non anunciou ningún compromiso cos traballadores de IROSA-SAMACA, a nacionalista reprobou que "o Partido popular rachara os consensos” de nove alcaldías da comarca de Valdeorras e  Deputación de Ourense e denunciou que a Xunta “non exerce as súas competencias” en industria, minería e Autoridade laboral porque permanece a espera de que a empresa “peche a persiana” o día 29 de novembro.

Antes de comezar coa defensa da iniciativa , a deputada trasladou o apoio do BNG  aos  traballadores  de IROSA-SAMACA, e o compromiso  de continuar presionando para acadar   “unha solución dialogada entre as partes” que permita a continuidade plena da actividade e polo tanto o respiro ás 250 familias que dependen directamente desta empresa. Por extensión, dixo, tamén quero  transmitirlle a solidariedade a toda a comarca de Valdeorras, “unha comarca moi castigada na que un peche destas dimensións sería absolutamente demoledor”.

A empresa  situada nuns terreos que arrastran unha historia complexa canto á propiedade, cunha grande litixiosidade e conflitividade respecto do carácter de monte comunal, debe asumir agora  unha sentenza xudicial  relacionada cos terreos ocupados polas oficinas e loxística (non extractiva).

Nove alcaldías reclaman unha solución

Hai un mes e un día, explicou a deputada, “as nove alcaldías da comarca, concellos do PP, do PSOE e do BNG saian unanimemente asinando un compromiso cos traballadores  para buscar unha solución. Este acordo unánime acadado en  Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, parece que “non lle interesa ao Partido popular” criticou a nacionalista.

A mesma unanimidade, engadiu, produciuse dous días despois na Deputación de Ourense  ao igual que a que se producía na comisión de Industria do Parlamento galego nun debate sobre a minería e no que “eu mesma  expresei a miña solidariedade e preocupación e os demais voceiros tamén”. E máis,  “un deputado de Valdeorras, do partido que apoia o goberno,  asentía coa cabeza”.

Noa Presas lembrou a  manifestación histórica en Valdeorras polo emprego en IROSA e a pesar de todas estas manifestacións de apoio, un mes e un día despois, recalcou a deputada, “a Xunta segue poñéndose de perfil”

A parlamentaria cualificou de “inaceptábel” a postura da Xunta a pesar do grande golpe que pode representar  o perche da fábrica a unha comarca das máis castigadas nas vías de conexión, investimentos e servizos públicos. A Xunta, inxectou a IROSA  “tres millóns de euros” nun préstamo  para salvar 300 empregos, pero claro, ironizou  Presas, estabamos na precampaña do 2020.

“A Xunta non pode actuar con indiferenza ante a perda de  250 postos de traballo e efecto brutal que vai provocar sobre outras empresas e a comarca”, concluíu.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG